in

XX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo

Veciños |

Este mércores arranca no campus de Vigo a programación cultural de primavera 2018 coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, como prato forte, un clásico do calendario universitario que este ano cumpre vinte anos traendo á cidade exemplos do teatro feito nas aulas de ensino superior, tanto europeas como doutros continentes. A mostra traerá ao campus a actuación de sete grupos: cinco galegos, un de Navarra e unha formación de Marrocos, que será a encargada de pór o toque máis internacional.

A XX edición da Miteu ábrese ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria coa representación da obra Veciños a cargo da Escola Superior de Arte de Galicia. As actrices e actores da ESADg retratarán unha veciñanza onde se misturan os personaxes máis dispares enfrontados en problemas de parella, conflitos familiares, amorosos e diferentes visións da vida. Todos eles soben e baixan as escaleiras desta comunidade de veciños un tanto peculiar. A dramaturxia parte de textos da obra Cabaret Tráxico, Opera Pánica de Alejandro Jodorowsky, e textos de Confesiones antes del fin de la era humana de Alberto García Martín. Dirixida por María Crespo, o seu elenco está formado por Sonsoles Cordón, Yago Espasandín, Yolanda Lorenzo, Iván Márquez, Ainhoa Martínez, Raúl Pérez e Jennifer Vilar.

O programa da Miteu continuará o 4 de abril coa participación da Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que representará a obra As ondas das pedras no río, o 4 de abril. Uns días máis tarde, o 10 de abril, tocaralle a Aula de teatro da USC de Santiago, con Pasar por Nida. O 16 de abril será a quenda da Compañía de teatro da USC-Lugo, con WK. O 18 de abril actuará o primeiro grupo de fóra de Galicia, a Aula de Teatro Universidad Pública de Navarra, que representará Superhéroes de barrio. Posteriormente, volverán as propostas galegas coa actuación dos anfitrións, a Aula de Teatro Universitaria do Campus de Vigo, que representará a peza Paraíso. Por último, pechará a Miteu, a proposta máis internacional, a que ofrecerá o ETM, de Marrocos, con El Itsmo.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

cartel inaugural teatro |

Unha quincena de artistas participan na Gala Inaugural do Festival Atlántica

aldaolado |

Aldaolado lerán o Manifesto Galego do Teatro nos Premios María Casares