Programa especial “3×3” no Auditorio de Vigo

Actualizado: Por enfermidade dun dos actores cancélanse as funcións de Unha rosa entre as pernas” da compañía Teatro En Punto previstas para mañá venres 16 e sábado 17 de marzo, enmarcadas dentro do programa especial 3×3. Os outros dous espectáculos previstos mantéñense co mesmo horario a un prezo de 6 €.

 

Esta fin de semana, o Concello de Vigo presenta un programa especial chamado 3×3 no que participan Teatro Aforo, Teatro En Punto e Producións Dispersas. Trátase de 3 espectáculos, 3 disciplinas artísticas en 3 espazos que exploran novos escenarios do Auditorio.

De como se crea a metáfora, de Teatro Aforo, é unha peza de danza-teatro creada e interpretada por Leonel García Laborde e Juan Cid, que recrea o cadro “A creación da metáfora” do pintor surrealista galego Eugenio Fernández Granell: un achegamento ao mundo das metáforas, das imaxes e das suxestións. Unha peza de 15 minutos de duración que se presentará no vestíbulo do Auditorio.

Teatro en Punto, presentará o seu espectáculo Unha rosa entre as pernas nos cameríns do Auditorio, un texto de Afonso Becerra dirixido por Gloria Rico e interpretado por Xosé Luis Bernal “Farruco” e Roberto Leal. Dúas persoas, unha situación cotiá…, ou non, depende de para quen.

Finalmente, Producións Dispersas presenta o seu espectáculo Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0), un espectáculo de teatro-cabaré escrito e interpretado por Diego Freire, no que unha personaxe desubicada, disfuncional e un pouco esquizofrénica, devece por escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar moi afastado no que todo será diferente. Existirá tal paraíso?

Os pases serán o venres 16 e o sábado 17 ás 21:00. As entradas para esta proposta custan 9 € e o aforo, pola propia natureza do proxecto, é moi limitado.

Deixar unha resposta