A TVG retransmitirá a gala dos María Casares

A gala poderase seguir en directo por streaming na web da TVG ás 21.00 horas a través desta ligazón que estará operativa ao comezar a gala ás 21.00 horas. A TVG emitirá en diferido a gala pola súa segunda canle, ás 22.45.

 

A gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, que terá lugar hoxe no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conmemorará o corenta aniversario de teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 o ano no que estrearon obras compañías xa profesionais como Antroido, Troula ou Artello. Deste xeito, a gala ademais de festexar a gran produción teatral do 2017, festexará a historia da nosa escena.

“Talía desenvolverá unha pequena viaxe a través do humor polos corenta anos de teatro profesional galego”, sinalou Artur Trillo na presentación da gala, antes de engadir que ao longo da cerimonia se presentará unha “reflexión amable e sincera” sobre que é ser actor e actriz, director e directora, escenógrafa e escenógrafo, “en definitiva, que é ser teatreiro e teatreira en Galicia”. Trillo concluíu que para a concepción da gala consultou cun bo número de pioneiros e pioneiras para recoller diferentes historias dos últimos corenta anos e contar así cun “anecdotario· que servise de base para a creación da gala”.

Os Premios María Casares son os galardóns do teatro galego organizados pola AAAG dende 1997 e con eles se premia a excelencia teatral en todas as vertentes do feito teatral. Estes galardóns son o gran escaparate da nosa escena, así como tamén dos seus profesionais.

 

Podes acceder aquí a máis información sobre os Premios María Casares deste ano  

Podes ver aquí os trailers de todas as obras nomeadas  

 

Deixar unha resposta