A AAAG organiza un coloquio e un roteiro dedicados a María Casares

O Roteiro, conducido polo historiador Emilio Grandío, a investigadora María Lopo e a actriz Mabel Rivera, celebrarase o sábado 7 de abril a partir das 11.30 h. cun máximo de 25 prazas previa inscrición.

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lembrará no mes de abril a figura de María Casares con diferentes actos no programa de actividades paralelas á gala dos Premios de Teatro, celebrados xa a semana pasada. Neste 2018, a AAAG escolle datas próximas ao 14 de abril, aniversario da proclamación da II República, para homenaxear a actriz universal nacida na Coruña que cedeu o seu nome aos nosos galardóns da escena. Desta volta, a programación incluirá un roteiro o vindeiro sábado 7 de abril polas rúas da Coruña no que se furará nas orixes familiares da actriz e un coloquio na Casa Museo Casares Quiroga o mércores 11 de abril no que diversos autores e investigadoras deitarán luz sobre a súa traxectoria.

O roteiro organizado pola AAAG conta coa colaboración e condución do historiador Emilio Grandío e da investigadora María Lopo. Ademais, a actriz Mabel Rivera acompañará o percorrido coa lectura de fragmentos das memorias de María Casares Residente privilexiada. Fixado para ás 11.30 horas do sábado 7 de abril, o traxecto iniciarase na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) e ten unha duración estimada de dúas horas. O itinerario percorrerá as rúas da Coruña e realizará paradas en puntos da xeografía coruñesa cunha especial significación para a familia de María Casares, tanto da rama do pai Santiago Casares Quiroga como da nai Gloria Pérez Corrales. Para asistir ao roteiro, cuxa inscrición é gratuíta, cómpre inscibirse a través da web da AAAG neste formulario ou enviar un correo a comunicacion@aaag.es antes do venres 6 de abril ás 14.00 h.

 

COLOQUIO

A Casa Museo Casares Quiroga acollerá o 11 de abril ás 20.00 h. un coloquio sobre a figura María Casares no que participarán María Lopo, investigadora e autora da biografía de María Casares O tempo das mareas; a actriz Sabela Hermida, investigadora autora dunha tese de doutoramento da relación da actriz co existencialismo francés, e Ernesto Is, dramaturgo autor de Despois das ondas, texto dramático que obtivo en 2017 o Premio Rafael Dieste organizado pola Deputación da Coruña. A obra trata sobre a vida e traxectoria de María Casares.

Con estas actividades, a AAAG continúa co compromiso asumido en 2016 -ano no que se cumpría o vixésimo aniversario do falecemento de María Casares- de reivindicar e difundir a vida da actriz coruñesa, cuxa carreira a converteu nun referente no mundo cultural francés e internacional. Ademais, a AAAG pretende así contribuír á recuperación dunha figura de gran importancia nos ámbitos das artes escénicas, da memoria histórica e do feminismo.

Tanto os XXII Premios María Casares coma o programa de actividades paralelas contan co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), o Concello de A Coruña, a Deputación de A Coruña, Fundación AISGE e a Fundación SGAE.

Deixar unha resposta