Presentación de ‘A caixa negra’ de Manuel Tudela, obra gañadora do Certame de BD sobre Teatro

A caixa negra é unha adaptación do texto de Fernando Epelde Caixa negra e resultou gañadora no VI Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro que organiza a erregueté | Revista Galega de Teatro.

 

Este xoves 5 de abril, ás 20:30, no Café De Catro a Catro de Vigo (rúa Girona 16) a erregueté presenta a obra gañadora do VI Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro, A caixa negra de Manuel Tudela, baseada na obra de Fernando Epelde Caixa negra. A obra foi premiada por un xurado composto por Pepe Carreiro, ilustrador e deseñador de BD, Anxo Fariña, escritor, ilustrador e deseñador e Vanesa Sotelo, dramaturga e directora da erregueté, que destacou a adecuación da imaxe á intensidade dramática da obra de Fernando Epelde e a condensación narrativa conseguida na proposta. A obra publicada contou coa axuda da Deputación de Pontevedra.

Na presentación, intervirán Vanesa Sotelo, directora da erregueté, Fernando Epelde, autor da obra adaptada, e Manuel Tudela, autor da obra gañadora do certame.

A erregueté –a través da súa editora, a Asociación Cultural Entre Bambalinas–, guiada sempre polo obxectivo fundamental de espertar o interese pola arte dramática, decidiu convocar, con caracter bianual, este certame que procura enriquecer, desde a linguaxe do comic, o feito teatral.

Como resultado deste certame a colección Banda Deseñada sobre Teatro está formada por: Doentes de Roberto Vidal Bolaño, en versión de Brais Rodríguez; Hamster de Santiago Cortegoso, en versión de Diego Campos; Belicosario de Manuel Lourenzo, en versión de Juan Molina; 2132 de Roberto Vidal Bolaño, en versión de Diego Blanco; e Imundação de Marta Freitas, en versión de Diego Blanco. Súmase agora a esta colección a obra que presentamos: A caixa negra, de Fernando Epelde, en versión de Manuel Tudela.

Deixar unha resposta