Leo Bassi, de xira por Galicia co seu último espectáculo

En O último bufón, o cómico de orixe italiana Leo Bassi repasa os seus 40 anos de traxectoria teatral a través dun descubrimento realizado pola irmá de Leo, Joanna, no arquivo da Fundación Lumière en Lyon, Francia. En maio de 1896, os Irmáns Lumière filmaran ao seu bisavó Giuseppe e ao seu tío Giorgio cando ambos traballaban no Circo Rancy da mesma cidade de Lyon. Son gravacións moi valiosas, probablemente as primeiras imaxes en movemento de pallasos da historia, que nos remontan a tempo a unha era na que Europa aínda tiña toda a súa inocencia e o desexo de vivir.

A partir destas películas, Bassi pon en escena un espectáculo intenso pero ao mesmo tempo divertido no que analiza o “paraíso perdido” do mundo dos bufóns, cunha comicidade diferente do humor irónico e cínico dos cómicos de hoxe en día. Leo Bassi descende dunha antiga liñaxe de comediantes excéntricos e de pallasos circenses vindos de Italia, Francia, Inglaterra, Austria e Polonia. Durante 170 anos, a familia actuou ininterrompidamente. Dela herdou non só sorprendentes habilidades, senón tamén este espírito libertario, irreverente e cosmopolita, esencia do circo do século XIX.

 

Datas:

OURENSE, 18 de abril, MITEU, 22:00h

SANTIAGO: 19 de abril, Teatro Principal ás 20:30h

CULLEREDO, 20 de abril, Edificio de servicios múltiples, 22:30h

VIMIANZO, 21 de abril, Auditorio casa da cultura, 21:30h

BURELA, 22 de abril, Casa da Cultura de Burela, 21.00 h

Deixar unha resposta