in

II edición do festival “Falando a boca chea” na Coruña

Falandoabocachea2018 |

O Fórum Metropolitano da Coruña acolle no mes de abril a segunda edición do festival Falando a boca chea, que contará con destacadas voces da narración oral en Galicia co obxectivo de achegala a un público de todas as idades.

O festival, que terá lugar entre 17 e o 21 de abril, suma espazos e expándese este ano, xa que tamén terá actividades paralelas nos concellos de Sada, Oleiros e Arteixo na área metropolitana, así como noutros espazos que habitualmente non programan eventos deste tipo, como o centro comercial Marineda City e o Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa.

O festival, que ten como obxectivo dar pulo á tradición da narración oral galega, empregará distintas localizacións do Fórum Metropolitano para mostrar espectáculos adaptados a todas as idades e unha programación axustada en distintos horarios para que a veciñanza poida asistir ás distintas propostas.

Publicidade

Así, o vestíbulo do recinto municipal acollerá, ás 19.00 horas, as actuacións de Érica González (mércores 18 de abril), Andrea Bayer (xoves 19), Chus Álvarez (venres 20) e Gonçalo Guerreiro (sábado 21), todas elas de entrada gratuita.

O auditorio acollerá, todos os días ás 21.00 horas, os espectáculos de Quico Cadaval (mércores 18 de abril), Pedro Brandariz (xoves 19), Celso Fernández (venres 20) e Víctor Grande (sábado 21).

As entradas teñen un prezo en taquilla de 7 euros, 5 se se mercan de maneira anticipada, e están dispoñibles na taquilla central da praza de Ourense, na do Fórum Metropolitano os días de función, no 902 044 226 ou en www.ticketea.com. As funcións programadas no Fórum comezan o martes 17, ás 20.30 horas, coas actuacións dos participantes no Concurso de monólogos cómicos en galego, de entrada libre.

A segunda edición do festival de narración oral na cidade seguirá apostando por chegar a todos os públicos, con Sesións bebés para nenos e nenas de entre dous e catro anos que se celebrarán na biblioteca infantil do Fórum ás 18:00 horas e nas que intervirán Chus Álvarez (xoves 19)e Caxoto (venres 20). Para poder asistir será necesaria a inscrición a semana previa no web www.coruna.es/bibliotecas.

Tamén está previsto que as funcións de Caxoto e Soledad Felloza se representen para estudantes de ESO, Bacharelato e FP en horario lectivo os días 18 e 20 de abril. As entradas teñen un custo de 3 euros e o profesorado acompañante contará con invitacións.

As citas que axenda o festival na súa contorna comezaron xa en Sada, onde o pasado domingo actuou Soledad Felloza, e en Oleiros. En Arteixo será o turno de Érica González o venres 20, no centro social de Meicende. No centro comercial Marineda City, na segunda planta, haberá actuacións para o público familiar, ás 19.00 horas, a cargo de Ramiro Neira (venres 13) e Caxoto (venres 27) e para público adulto, ás 21.00 horas, o monólogo de Marcos Pereiro (venres 27).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

divinaspalabras |

O CDG estrea ‘Divinas Palabras Revolution’

leituga foto1 |

A leituga