in

Taller de público(s) con Sabela Mendoza no TRC Danza

grandstand |

Unha das novidades da Programación Expandida TRCDanza para o 2018 é a activación dun taller de público(s) da man da investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza.

A vontade é a de compartir as distintas derivas que emerxen no campo da danza e da creación contemporánea hoxe en día, acompañando a programación de primavera do ciclo TRC Danza 2018. Un convite a todas as persoas interesadas no campo da danza e da creación contemporánea, curiosas de ampliar a súa mirada dende unha posición de espectadores activos.

 

SERMOS PÚBLICO(S)

Se asistir ao teatro é unha experiencia transformadora, sen dúbida o noso rol como público(s) vai moito máis aló do rato que pasamos nunha butaca. Se ademais falamos de sermos público(s) hoxe das artes do movemento, o que se produce é sempre un desprazamento das pezas, que nos pode levar cara a moitos lugares, ou mover o chan do lugar no que estamos.

Este taller está pensado para afondar nas posibilidades e resonancias que esta experiencia –a de sermos públicos das artes do movemento– pode provocar, tanto en cada un ou cada unha de nós individualmente, como no conxunto das persoas que participamos, como público(s), do acontecemento singular e único que é sempre unha obra escénica.

Para isto, abriranse as portas a todo aquilo que nos leva a ser público(s) espertos e activos, compartindo materiais e recursos sobre as linguaxes contemporáneas do movemento, sobre os procesos e obras dos creadores que están a darlles forma, sobre a experiencia do efémero, e sobre o que acontece despois de asistirmos á escena. Traballando a mirada dende o corpo sensible. A programación do ciclo TRC Danza 2018 serviranos como fío para a reflexión e o debate. As dinámicas do taller serán diversas, mesturando a teoría e a práctica, e procurando abordar a experiencia de sermos público(s) dende distintas prácticas que alimenten o debate –dende o visionado de vídeos e imaxes, pasando por lecturas comentadas e referencias, ata pequenos exercicios de escrita.

 

UN TALLER DA MAN DE SABELA MENDOZA


Publicidade

Como investigadora e xestora cultural o traballo de Sabela Mendoza está centrado nas artes escénicas e a creación contemporánea, especialmente no estudio da danza e a análise de políticas culturais. Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, Máster en Xestión Cultural pola Universidad Carlos III e Máster en práctica escénica e cultura visual pola Universidad de Castilla La Mancha – Museo Reina Sofía.

En 2008 comeza a traballar como coordinadora de proxectos culturais, tanto en institucións públicas e privadas como de forma independente. Imparte conferencias e charlas en diferentes foros e participa coma xurado de certámenes de danza contemporánea. Nos últimos anos traballou con Hablar en Arte como consultora-asesora de artes escénicas para a Oficina Cultural de Taiwán en España. Dende 2015 colabora co coreógrafo Javier Martín na asistencia e produción, acompañando investigacións propias e comúns sobre as artes do movemento, activando proxectos que atenden á creación ou dinamización de contextos para a danza. Dende 2018 é vicepresidenta da asociación Emprendo Danza, realizando un labor de análise de políticas culturais e deseño de propostas para a mellora do sector. Formada en danza clásica e contemporánea, en 2016 estreou a súa peza El público está aquí, un estudo performativo e de escritura sobre o espectador e a mirada, á que continúa dando forma. Colabora con distintos axentes locais relacionados coas artes vivas e escribe sobre danza en revistas especializadas e no seu blogue www.acuerpodebaile.com.

 

UNHA PRIMEIRA PARTE AO LONGO DA TEMPADA DE PRIMAVERA

Acompañando a tempada de primavera do ciclo TRC Danza 2018 é que se sitúa a primeira parte do taller de público(s) valéndonos dos distintos artistas convidados ao programa. Artistas e obras que serven como puntos guía do mapa no que debuxar a ruta a camiñar durante o transcurso do taller. A presenza no noso teatro de creadoras e creadores como Félix Fernández, Judith Argomaniz, Javier Martín, Fernando López ou Chevi Muraday entre os meses de abril e maio son un motivo marabilloso para tecer e destecer o que as súas obras provocan no outro.

 

CANDO E ONDE

  • os mércores 18 de abril, 25 de abril, 9 de maio e 23 de maio en horario de 19 a 21 horas.
  • no Teatro Rosalía de Castro (Rúa Riego de Agua, 37, 15003, A Coruña)

 

CONVOCATORIA ABERTA

Taller de Público(s) é unha actividade gratuíta. O número máximo de prazas é de 15.

Todas as persoas interesadas poden inscribirse enviando unhas liñas de motivación por correo electrónico a trcdanza@gmail.com ata o luns 16 de abril. A inscrición farase en calquera caso por orde de chegada das solicitudes.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

leituga foto1 |

A leituga

contos |

O Concello do Grove celebra con teatro o mes do libro