in

A AAAG alerta do esmorecemento e da externalización do Centro Dramático Galego

divinas |

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, denuncia a grave situación que atravesa o Centro Dramático Galego (CDG), institución pública de teatro, definida polo esmorecemento na súa actividade ao longo dos últimos anos, a mingua da contratación de intérpretes, as polémicas que arrodean os procesos de selección de elencos, a desconexión co público, a escasa distribución das súas montaxes e un principio de externalización dos servizos artísticos.

Esta Asociación alertou o ano pasado, tras a dimisión da metade do tribunal e as presuntas irregularidades do proceso de selección de elencos do espectáculo Martes de Carnaval, da situación que atravesaba o CDG e pediu -apelando á vontade manifesta de diálogo por parte da directora do CDG, Fefa Noia- a convocatoria dunha mesa sectorial para abordar o seu futuro. Dende a administración, convocouse nos últimos meses a reunións que están a carecer de efectividade, xa que a intención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade da que depende a institución de teatro público, é limitar o diálogo aos procesos de selección e non abordar a problemática no seu conxunto.

Problemática que abrangue o funcionamento do CDG no seu conxunto, principiando pola reducida produción propia da institución, rebaixada nos últimos tres anos a unha obra por tempada, fronte ás dúas ou tres montaxes que ofrecía a institución por temporada no pasado. Así, a actividade do CDG foi quedando diluída e este baixo nivel de actividade non para de acentuar a desconexión co público e coa profesión.

Publicidade

No referente á contratación, o CDG está a ofrecer nos últimos anos elencos reducidos nos seus espectáculos. Se botamos a vista atrás, durante a segunda etapa de Manuel Guede (2012-2015) na dirección do CDG, ofrecéronse obras con elencos de tres, catro ou cinco persoas. Na etapa presente de Fefa Noia, o volume aumentou até os dez e os nove intérpretes. Malia o incremento, as cifras seguen a palidecer na comparanza con montaxes do pasado e tamén coa actividade de determinadas compañías privadas, capaces de sustentar elencos semellantes. O CDG, como institución de teatro público, debe chegar a onde non chega a iniciativa privada, ser referente e emblema tanto para os profesionais coma para os espectadores. Uns espectadores que, ademais, nos últimos anos viron ben limitadas as opcións de asistir ás montaxes da institución lonxe do Salón Teatro. No caso máis recente, o de Martes de Carnaval, a súa xira por Galicia limitouse a sete escenarios fóra da sede compostelá. Polo tanto, o CDG non se resente só na produción e na contratación, senón tamén na distribución.

 

Burocratización e externalización

A estas eivas, engádese a burocratización que interfire no funcionamento do CDG e que alcanza a súa máxima expresión nos procedementos de selección de elencos, baseados no criterio da pública concorrencia e sometidos a unhas normas da función pública que non se axustan á realidade da profesión, dificultando o traballo dos directores/as e obrigando os profesionais da interpretación a participar en concursos públicos máis que cuestionables, tal e como quedou demostrado nas presuntas irregularidades que se puideron observar no proceso de selección de Martes de Carnaval do ano pasado. Un ano, o 2017, no que deberiamos celebrar por fin a adaptación de Valle-Inclán á nosa lingua por parte dun CDG que abría a porta a directores/as de prestixio das nova xeracións, como son Tito Asorey ou Marta Pazos. Non obstante, a burocratización e os atrancos escureceron o resultado artístico.

E neste 2018, ano no que debemos celebrar que os compoñentes de Chévere traballen no CDG, atopámonos de novo coa burocratización e a falta de vontade política da administración para cambiar o rumbo da institución, creando perigosos precedentes que se desprenden tras a publicación, na Plataforma de Contratación da Xunta, da adxudicación da Contratación da dirección, dramaturxia, tradución e interpretación de protagonistas do espectáculo teatral Divinas Palabras polo sistema de procedemento negociado sen publicidade, por exclusividade, cunha entidade única e determinada, nomeadamente Chévere Produciones S.L. Establécese un réxime contractual diferente para unha parte do equipo, no que se inclúe aos intérpretes protagonistas, de xeito que a relación laboral non se traba entre a Agadic e os profesionais, senón que é a Agadic quen contrata os servizo dunha empresa que establecerá relacións laborais cos profesionais. Dito doutro xeito, cruzamos coa externalización, o cal fai dubidar de que a obra poida ser considerada como unha produción propia do CDG en estrito senso.

 

Refundación

Os procedementos de selección de elencos son só unha manifestación da burocratización que atenaza o funcionamento do CDG e que dificulta enormemente o exercicio profesional non só de directores/as e intérpretes, senón de todos os estamentos profesionais do feito teatral que cada ano se afanan, co seu esforzo e talento, nas producións do CDG. A AAAG lembra neste senso o conxunto de urxencias que padece a institución de teatro público e que se resumen na necesidade de dotar o CDG dunha entidade xurídica propia, con autonomía real e orzamentos de seu, na revisión do sistema de coproducións e residencias, a reformulación dos mecanismos de distribución ou a procura de procesos de selección de elencos que combinen a necesaria liberdade creativa do director/a coa igualdade de oportunidade dos intérpretes a acceder ás montaxes do CDG. É dicir, precísase a refundación dunha institución con máis de trinta anos de historia e que naceu da vontade política e do pacto entre a administración e a profesión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MostraTUniversitarioGz |

XIX Mostra de Teatro Universitario de Galicia

DivinaspalabrasChevere |

Divinas Palabras Revolution