in

Divinas Palabras Revolution

DivinaspalabrasChevere |

Espello en alta definición

| Manuel Xestoso |
| Foto: Miramemira |

 

Hai moita confusión: as mentiras disfrázanse de currículos, a verdade disfrázase de fake news e os reality disfrázanse de realidade. A realidade vén sendo o gran problema: nunca estamos seguros de onde atopala. Non sabemos distinguir a realidade da nosa percepción da realidade, e esa foi sempre a dificultade do realismo. Valle deixou caer que a súa fórmula era non describir a realidade, senón o que reflectían os espellos deformantes do Callejón del Gato de Madrid: definiuno como esperpento.

Para dar conta do que sucede case un século despois, Chévere disfrázase de Centro Dramático Galego e, sabendo que os espellos cóncavos e convexos xa non resultan operativos, substitúeos por eses espellos ultraplanos que levamos connosco a todas as partes: as pantallas. A televisión cumpre agora o papel da calella madrileña e os heroes clásicos pasean polos platós. O que Valle e Chévere non confesan é que a deformación está do outro lado da alta definición, do outro lado do espello. Que os deformes somos nós.

Publicidade

Divinas Palabras Revolution converte a traxedia dos Gailos nun show televisivo que desprende a mesma mesquindade que a obra orixinal e diríxese ao público botándolle en cara a súa pasividade ante a barbarie, o seu gusto morboso por contemplar en directo a miseria humana. A conversión do texto de Valle responde á necesidade de responder a unha pregunta: en que punto perdemos a dignidade? Porque igual que na obra orixinal, a realidade acaba por aparecer –a realidade sempre acaba por aparecer– en forma de asañamento contra o máis desfavorecido, mais desta vez adubado co narcisismo frívolo dunha época sen os ideais de antano. A estética poligoneira substitúe a antiestética do lumpen, pero o feísmo resultante mantén o seu horror criminoso.

Hai unha forma de interpretar moi acorde con ese baleiro que sitúa o significado na superficie. Dende ese punto de vista, Divinas Palabras Revolution culmina un proceso que Chévere iniciou hai uns anos e que permite albiscar como debería enfrontarse o retrato da actualidade dende a escena: talvez se perciben aquí algunhas diferenzas entre os intérpretes afeitos a traballar coa compañía e os que colaboran con ela por primeira vez, pero o grao de veracidade do conxunto chega ao patio de butacas sen aditivos e consegue transmitir esa violencia xorda que se oculta tras a presunta neutralidade da lixeireza televisiva.

A modernidade debe pagar as súas peaxes: non é unha obra cómoda porque Xron, nunha decisión valente, decide manter ese ritmo de telelixo que fai da nada un espectáculo: probablemente non hai mellor metáfora para referirse a ese autismo que nos mantén enganchados a unha contemplación inerte do que nos rodea.

O final da montaxe reitera o sustento do discurso na actualidade. Na realidade que se deixa ver máis frecuentemente do que confesamos e que, porén, tratamos de eludir observándoa a través das pantallas. Sería moi aconsellable mirala de fronte algunha vez, ou polo menos, a través dos ollos da función que aquí se nos ofrece. Aínda que só sexa para preguntarnos quen coloca os espellos e as pantallas.

 

Divinas palabras Revolution, baseado na obra de Valle Inclán

Dirección e dramaturxia: Xron
Elenco: Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos, Tomé Viéitez. Coa colaboración especial de Mónica Camaño no vídeo como Xoana a Raíña
Versión: Manuel Cortés e Xron
Escenografía: Suso Montero
Vestiario: Mar Fraga
Iluminación: Fidel Vázquez
Música orixinal e espazo Sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Coa colaboración especial no tema “Macho cabrío” dos músicos Manuel Cebrián (cordas), Xosé Miguelez (saxofón) e Javier Pereiro (trompeta)
Espazo audiovisual: Quadra Producións/Cuco Pino
Asistencia técnica audiovisual: Semi Soto
Caracterización: Fanny Bello
Deseño gráfico das tatuaxes: Iván Nespereira
Tradución: Manuel Cortés
Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Asistencia de dirección: Arantza Villar
Asistencia de produción: José Díaz
Produción: Centro Dramático Galego

Salón Teatro. Santiago de Compostela. 13 de abril de 2018

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

divinas |

A AAAG alerta do esmorecemento e da externalización do Centro Dramático Galego

todaabelezadomundo |

María Move estrea a versión escénica de ‘Toda a beleza do mundo’ en Carballo