Nicht schlafen

O malestar na danza

| Manuel Xestoso |
| Foto: Chris Van der Burght |

 

[Co gallo do inicio do Festival DDD – Días Da Dança o proximo 26 de abril, recuperamos esta crítica, publicada no nº 92 da erregueté, do espectáculo de Alain Platel presentado neste festival o ano pasado]

 

Escoller a música de Mahler e confrontala cun escenario de estética post-apocalíptica indica que se van explorar tensións que aluden á colisión entre a forma poética e a realidade, entre a sublimación da civilización e a rigorosa realidade da que parte. Nicht schlafen xoga a vincular reminiscencias dun período de inestabilidade social como o que precedeu a Primeira Guerra Mundial cos conflitos do presente, mais pódese intuír a exploración dunha cuestión que vai máis alá do rexistro do presente: a actitude da arte ante esa natureza conflitiva da Historia.

Hai nesta obra de Les Ballets C de la B un interrogante sobre que forma estética escoller para aproximarnos a un presente particularmente cruel e inhumano. Por dicilo dalgún modo, hai como un aggiornamento da tese de Freud sobre o malestar na cultura, sobre a efectividade real da represión dos instintos para internarnos no cultural. Platel semella reflexionar sobre cal é a arte necesaria para dar conta dun século cuxa brutalidade parece esixir unha ruptura cos parámetros do pasado: xustamente unha operación anticipada por Mahler na súa Sinfonía nº 3. E, igual que Mahler, o coreógrafo tampouco acaba de resolver por completo os problemas de consistencia e coherencia que formula.

Un grupo de cabalos mortos de tamaño natural preside unha escenografía estragada pola devastación: os nove bailaríns, oito homes e unha muller, comezan por arrincarse as roupas uns a outros mentres griñen e berran fanática e desesperadamente. De fondo, a música de Mahler mestúrase con sons animais. A sensación de confusión faise patente dende o comezo e, a medida que transcorre a obra, ese sentimento de incerteza non deixa de medrar.

A danza vai adquirindo tons cada vez máis anárquicos: uns bailaríns desenvolven series de développés mentres outros se arrastran polo chan ao tempo que a banda sonora desemboca nun dueto cantado de Boule Mpanya e Russell Tshiebua que abala entre o rap e as polifonías centroafricanas.

Esa mestura de elementos –de novo paralela á composición mahleriana– contén momentos de grande impacto plástico e emocional, e mesmo algunhas faíscas de humor, pero tamén longos períodos de desconcerto en que a coreografía semella non ter finalidade ningunha, nin maior razón de ser que a de continuar sobre o escenario (e, nese sentido, hai que apuntar que as case dúas horas de espectáculo son unha duración ostensiblemente excesiva). En consecuencia con esa vontade de reflectir o malestar do noso tempo, os mellores cadros son aqueles en que os bailaríns ensaian modos de aproximarse uns aos outros que atravesan distintas tonalidades: a agresividade, o cortexo, a dependencia… Aínda que, nalgunha ocasión, o público debe forzar ao máximo a atención para localizar onde se producen eses chispazos de inspiración no medio do barullo que, por veces, toma o escenario.

Toda esa heteroxeneidade apunta a unha estratexia que se excede a si mesma: querendo crebar as convencións, cáese nunha especie de autoindulxencia que malogra os achádegos e que pon en cuestión os fundamentos que dan pé ao discurso: a forma non acaba de atopar a o fío que a une coa motivación.

Malia todo, Platel e Les Ballets C de la B continúan a prover de material suficiente para a reflexión: a súa mirada sobre unha humanidade na permanente angustia do supervivente no medio do desastre non deixa de interrogar as nosas conviccións. E aínda que as pezas non acaban de encaixar, sempre resulta edificante –e, por veces pracenteiro– tentar recompoñer o crebacabezas.

 

Nicht Schlafen, de Alain Platel.

Dirección: Alain Platel.
Dirección musical: Steven Prengels.
Creación e performance: Bérengère Bodin, Boule Mpanya, Dario Rigaglia, David Le Borgne, Elie Tass, Ido Batash, Romain Guion, Rusell Tshiebua, Samir M’Kirech.
Dramaturxia: Hidegard de Vuyst.
Dramaturxia musical: Jan Vandenhouwe. Asistencia artística: Quan Bui Ngoc.
Iluminación: Carlo Bourguigno.
Escenografía: Berlinde De Bruyckere.
Produción: Les Ballets C de la B.

Festival DDD – Días Da Dança. Teatro Nacional São João. 8 de maio de 2017.

Deixar unha resposta