O Teatro Colón da Coruña descobre os seus segredos

Ao longo do mes de maio, a área de Cultura da Deputación da Coruña promoverá o programa de “Descobre o Colón con María Casares” pola que as persoas visitantes poderán coñecer os espazos ocultos do edificio por medio da figura da gran María Casares, interpretada polas actrices Diana Sieira e Carmen Peñalver.

Coñecer un teatro á italiana por dentro, nos espazos que non visita o público que asiste aos espectáculos, é unha oportunidade única que ofrece o novo programa “Descobre o Colón con María Casares”, unha proposta que bota a andar o 1 de maio e se prolonga até o 29 con visitas abertas ao público ademais de outras para centros de ensino.

O público que participe na visita poderá pasear pola platea, o escenario, coñecer por dentro a caixa negra, o proscenio, os camerinos, o foxo da orquestra ou contemplar a maquinaria que move os distintos elementos necesarios para que baixe o pano, unha película chegue á pantalla ou mude a escenografía dunha obra.

Para presentar todos estes segredos do teatro, a visita estará guiada pola figura da actriz María Casares (A Coruña, 1922- Alloue, 1996) un dos grandes nomes do teatro europeo, que volverá aos escenarios, esta vez interpretada polas actrices Diana Sieira e Carmen Peñalver.

“Para nós é unha maneira simbólica e real de abrir o Teatro á xente, mais non só as zonas coñecidas, a platea ou os palcos senón tamén outras descoñecidas polo público como o foxo ou os propios camerinos”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei para quen, esta singular proposta contribuirá tamén “a dar a coñecer a figura de María Casares, a actriz da Coruña exiliada en Francia que se converteu nunha das grandes figuras do teatro europeo mais que continúa sen ter o recoñecemento que merece no lugar en que naceu”.

A visita permitirá tamén ao público achegarse a este gran teatro que abriu en 1948 co deseño do arquitecto Jacobo Rodríguez-Losada e foi remodelado integramente en 2002 da man do arquitecto Rafael Baltar.

 

Pódese reservar a praza para a visita na seguinte ligazón:

http://www.teatrocolon.es/evento/descobre-colon-maria-casares/

 

Días e horarios das visitas:

Días 1, 2, 6, 13, 14, 20, 27 e 28 ás 18:00 e 19:00
Días 11, 17, 24 ás 12:00 e 13:00

Deixar unha resposta