Grupo de acompañamento de ‘Método negro’ de Javier Martín

Esta semana comezan as accións expandidas arredor do paso de Javier Martín polo teatro. Unha das apostas é a de construír un grupo de acompañamento para a súa coreografía <método negro>.

Será unha oportunidade para partillar a intimidade dos procesos de creación, tanto a súa práctica como o seu correlato teórico, e impulsar a crítica aberta entre os participantes. Un grupo de investigación e acompañamento que durante dúas xornadas compartirá co artista o proceso de traballo e desenvolvemento dunha peza coreográfica ata a súa presentación pública.

A peza circunscríbese ao ámbito das artes do movemento, situándose nalgún lugar entre a performance, a instalación, a acción contemporánea, a danza e os procesos de investigación. Unha coreografía de encontro con “o outro”, nun pulso co real e o seu dobre. Un exercicio que pretende declinar a ausencia: “A outra metade que non se ve, como o baleiro ao que volve o resplandor”. Ao bailala non se desenvolve a presencia da forma , pois o movemento acontece a través da desaparición da forma. Declínase a ausencia. Un devir imperceptible.

A práctica do grupo en A Coruña constará de dous encontros no escenario do Teatro Rosalía dunha duración de hora e media os días 3 e 9 de maio ás 20h; outro no estudio de Javier Martín a mañá do sábado día 5 de maio, e que incluirá unha visita a o atelier de Manolo Cremallera, onde se desenvolveu o vestiario e algúns dos traballos plásticos da escenografía; e finalmente a asistencia á presentación do espectáculo.

Están convocadas todas aquelas persoas interesadas no mundo da arte ou en desenvolver a súa creatividade dun modo máis amplo ( >16 anos). As persoas participantes comprométense a asistir a toda a práctica. Para as prácticas no escenario aconséllase roupa cómoda e calcetín groso. Non implica custo ningún agás a compra da entrada ao espectáculo (prezo reducido de grupo).

Se queres sumarte, envía un breve currículum e unhas liñas de motivación a: coreografo@javiermartin.gal

Datas dos encontros no Teatro Rosalía de Castro:

  • xoves 3 de maio de 20 a 21.30 horas
  • mércores 9 de maio de 20 a 21.30 horas

Data da acción expandida ‘Aquí traballa un artista’, unha visita ao estudio de Javier Martín e ao taller de Manolo Cremallera:

  • sábado 5 de maio de 12 a 14 horas

Data da presentación da coreografía <método negro>:

  • sábado 12 de maio ás 20.30 horas no Teatro Rosalía de Castro

Deixar unha resposta