in

Estás aí?

Estasairedrum |

As perdas irreparables

| Manuel Xestoso |

 

Cando hai mortos sobre os escenarios, sempre hai contas pendentes. O pai de Hamlet é o máis coñecido –de feito, o título da obra procede do “Who’s there?” da obra de Shakespeare– pero hai outros moitos exemplos que indican que os mortos non adoitan volver polo mero pracer de visitar os lugares onde habitaron: case sempre queren resolver algo que deixaron a medias. En Estas aí? hai mortos que regresan, e na medida en que albisquemos que é o que desexan solventar, comprenderemos que a comedia ten máis capas das que aparenta.

Avisados quedan: Estás aí? é, sobre todo, desconcertante. Comeza como unha sitcom bastante disparatada na que os protagonistas son Xulio Abonjo (a quen se lle deben gran parte dos méritos da montaxe) e un coprotagonista invisible: todo baixo os códigos da comedia televisiva americana. Coa entrada de Isabel Risco, a comedia dá un xiro e acaba por transformarse nunha desas obras na que os protagonistas están mortos. E por se isto fose pouco, aínda hai unha viravolta final na que a melancolía invade o escenario para reflexionar sobre a dificultade do amor.

En realidade, sempre hai algún espectro rondando que nos lembra que a perda é irreparable, que a sitcom contén unha traxedia e que o real non sempre está ao noso alcance. “Un só ama ao que estivo”, di o protagonista, “non ao que está”, deixando entrever que a idealización é a ferramenta básica coa que nos enfrontamos a esa fuxidía realidade.

Javier Daulte tende a escribir comedias ás que se lles pode alcumar de case todo menos de previsibles. Hai máis ou menos unha década xiraba por Galicia unha obra súa dirixida por el mesmo, Nunca estuviste tan adorable, que tiña en común con esta, precisamente, esa versatilidade á hora de reenmarcar os acontecementos: con cada xiro do argumento, cambia o sentido da trama. E dese relativismo á hora de enxuízar os personaxes e as situacións nace a emoción e a fondura da función.


Publicidade

Poderiamos dicir que a estratexia é facer xurdir a delicadeza dende o ruído, mais iso ten os seus riscos. Alex Sampayo subliña demasiado a treboada inicial en busca da risa cómplice do público e iso ten como consecuencia que lle custe volver a unha tonalidade máis pausada que dea conta dos delicados cambios polos que circulan os personaxes. A vertixe das primeiras escenas semella prolongarse innecesariamente e non permite reparar nas mudanzas que lle outorgan fondura á obra. Necesita engraxar máis a modulación deses tránsitos emocionais para que os espectadores non permanezan xordos e perdan irreparablemente a mensaxe que eses mortos nos queren transmitir.

 

Estás aí? de Javier Daulte

Director: Alex Sampayo
Elenco: Isabel Risco e Xúlio Abonjo
Técnico en escena: Guillermo Carbajo
Escenografía: Redrum Teatro e José Perozo
Vestiario: Guillermo Carbajo
Iluminación: Carlos Álvarez-Ossorio

Auditorio Municipal da Xunqueira. Redondela. 21 de abril de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PlattaFetacyl |

Galicia, Portugal e Castela e León comparten escena no Festival de Teatro Transfronteirizo

erori 2 |

‘Erori’, de Cair Circo, abre a carteleira de maio no Salón Teatro