Galicia, Portugal e Castela e León comparten escena no Festival de Teatro Transfronteirizo

Do 4 ao 6 de maio a localidade salmantina de Peñaranda de Bracamonte acolle o Festival de Teatro Transfronteirizo, unha iniciativa da Federación de Grupos Aficionados de Castilla y León en colaboración co Ayuntamiento de Peñaranda de Bracamonte e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez. O Festival insírese no marco da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador que FETACyL integra xunto á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), a Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana/TEIA-Teatro em Iniciativa Associativa e a erregueté – Revista Galega de Teatro.

O encontro, que ten como principal obxectivo realzar e reforzar o traballo común das culturas galega, portuguesa e castelá-leonesa a través da escena, conta cun programa no que a exhibición de espectáculos chegados dos tres territorios se mestura cos obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas. Igual que aconteceu noutras edicións con pezas como Baile de sombras (de Fran Godón) Prohibido sufrir (de Clara Gayo) ou Unha corrente salvaxe (de Raúl Dans), tres grupos divididos entre Galicia, Portugal e Castilla y León, traballarán ao redor dun textos editado na erregueté. Para esta ocasión, Imundação, da dramaturga portuguesa Marta Freitas, foi a obra escollida e o seu resultado poderá verse sobre o escenario do Teatro da Fundación Germán Sánchez Ruipérez (sede do evento) o domingo 6 de maio.

 

Programa

As xornadas darán comezo o venres 4 de maio ás 18.45 horas coa presentación do Festival para continuar coa representación da peza Lágrima de Maria Parda, a cargo da compañía portuguesa Santo Tirso.

O sábado 5 de maio, en horario de mañá e tarde, terá lugar o obradoiro de lecturas dramatizadas. A partir das 20.30 horas, o grupo vigués O Trasno tomará o relevo e será o encargado de pechar a xornada teatral coa presentación de En Venda.

O domingo 6 de maio o Festival chega ao seu fin coa continuación dos obradoiros en horario matinal e coa posta en escena das lecturas en galego, portugués e castelán de Imundação ás 16.30 horas. Por último, ás 20.30 horas, a compañía El Duende de Lerma encargarase de poñer o broche final do encontro co seu El Lazarillo de Tormes.

 

PLATTA

Nacida co propósito de fomentar o diálogo do teatro afeccionado transrexional e transnacional como unha realidade dentro do espazo cultural nacional e europeo, así como apostar por unha nova visión do teatro amador, a Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador desenvolve unha programación teatral e cultural asentada en cinco liñas de acción: encontro, análise e discusión; formación; obradoiros e lecturas dramatizadas; mobilidade e difusión; intercambio cultural e lingüístico; exhibición de espectáculos teatrais.

Deixar unha resposta