in

XVI Encontro Universitario de Danza da USC en Compostela

danzaUSC |

O escenario do Teatro Principal acolle esta semana o traballo de cinco compañías universitarias de danza nas distintas funcións programadas no marco dun foro artístico pioneiro en Galicia e dos máis lonxevos do panorama español. Todas as funcións serán ás 20.30 horas con entrada libre e gratuíta, previo paso pola billeteira.

A décimo sexta edición do Encontro Universitario de Danza da USC congregará os días 3 e 4 de maio as actuacións de tres compañías nacidas ao abrigo do Espazo de Danza da USC , baixo a dirección de Juan Carlos Zahera, nos campus de Lugo e Santiago (DanzaUSCompostela, DanzaUSC-Lugo, e a nova compañia independente da USC ‘Les Braves’) xunto á Aula de Danza da Universidade de Vigo, do Campus de Ourense, e a da Universidade da Coruña.

 

Publicidade

O Espazo de Danza da USC

Corría o mes de decembro de 1997 cando botou a andar a xa consolidada traxectoria do Espazo de Danza da USC, unha iniciativa pioneira na universidade española e concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 60 montaxes coreográficas e a realización de máis de 600 actuacións e intervencións e a súa presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas. A presenza da danza na USC e a inclusión desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da USC está a celebrar o seu vixésimo aniversario.

Os encontros universitarios de danza contemporánea que organiza a USC desde hai máis de tres lustros son unha das referencias máis destacables e visibles do Espazo. Estes foros artísticos, promovidos para favorecer o intercambio cultural a través da danza ademais de para achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade, posibilitaron que compañías universitarias procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico ou Colombia presentaran as súas creacións artísticas nos distintos campus da USC.

Dezaseis anos despois da primeira edición dos encontros universitarios de danza da USC, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria. A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución dunha formación nada ao abrigo da USC que agora comeza a súa andaina de xeito independente ou a máis recente, pero xa consolidada, posta en marcha da primeira e única compañía de danza integrada por persoas maiores de 60 anos inscritas en estudos de IV Ciclo Universitario dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC.

 

O Encontro

O programa dará comezo o xoves 3 coa coreografía Silencio, a cargo da compañía danzaUSC-Lugo, coreografiada por Rosa Acuña. De seguido intervirá a nova compañía independente ‘Les Braves’ con Volutas, interpretada e coreografiada por Daniel Lazso, unha produción que nace ao abrigo do programa anual da Área de Cultura da USC de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de danza e teatro. Rematará a xornada coa compañía USCompostela e a obra A aritmética do striptease, unha nova produción coreografiada por Xiana Vilas.

O venres 4 seguirán as representacións coa intervención da Universidade de Vigo (Campus Ourense) e a súa obra Anomaloutras, dirixida por Cris Vilariño, e da compañía xurdida da Aula de danza Normal da Universidade de Coruña, coa dirección de Rut Balbís, e a coreografía Verbena Final. Como remate, a compañía danzaUSCompostela fará un novo pase da súa produción.

O Encontro Universitario de Danza da USC caracterízase nesta edición por darlle visibilidade ao traballo propio que inclúe por primeira vez os grupos de danza galega e latina, dirixidos respectivamente por Alejandro Martínez e Miguel D.Herrera, que entre función e función farán unha breve intervención.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

kabuki |

Conferencia sobre o teatro xaponés kabuki

USCLUGOPR |

A compañía de teatro USC-Lugo colleita éxitos con ‘WK’