A Tempada de Teatro continúa en Pontevedra coa Companhia do Chapitô

A Companhia  do Chapitô presenta este domingo 13 de maio Electra dentro da Tempada de Teatro, que o pasado 3 de maio arrincou en Pontevedra con Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro. Os espectáculos Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, de Matrioshka Teatro e El Funeral , de Pentación completan este ciclo que se desenvolve entre os meses de maio e xuño no Teatro Principal e o Pazo da Cultura.

 

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este domingo 13 de maio ás 21.00 horas Electra, da portuguesa Companhia do Chapitô.  Nadia Santos, Jorge Cruz e Tiago Viegas encárganse de dar vida aos múltiples personaxes desta traxedia clásica presentada en clave de comedia e empregando a culler como “arma” principal.  “Nunha guerra iniciada co  suposto rapto de Helena, ao non ter vento favorable para os seus barcos, Agamenón sacrifica á súa filla Ifixenia por indicación dos profetas. Este feito provoca que Clitemnestra trame a súa vinganza xunto a Existo, seu amante e curmán do rei. Logo de dez anos de guerra, Agamenón é asasinado e Electra víngase asasinando aos amantes”.

O martes 15 de maio ás 21.00 horas, a compañía galega Matrioshka Teatro toma o relevo no Teatro Principal con Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos. A peza, creada sobre un concienzudo traballo de documentación arredor de María Victoria Moreno -autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2018- serve tamén de homenaxe ás “mestras de vida” a través do agasallo da “poesía, o amor, a fantasía e o humor”.  Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo conforman o elenco deste espectáculo con dirección de Gena Baamonde e que camiña da man de María Victoria Moreno para “revelar estados de ánimo, ilusións, medos, incertezas e esperanzas”.

O venres 8 de xuño ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, Antonio Resines e Concha Velasco serán os encargados de pechar a Tempada de Teatro con El Funeral, de Pentación Espectáculos. Escrita e dirixida por Manuel M. Velasco, a peza achega a historia de Lucrecia Conti, a actriz máis importante do cine, o teatro e a televisión e que acaba de morrer. Nela, o público asiste ao gran velorio que o Ministerio de Cultura organiza na súa honra nun teatro para que o público poida despedirse da súa admirada estrela. As súas netas poñen orde porque as mostras de cariño son inmensas e tamén fai acto de presenza un curmán cun parentesco  real descoñecido.  Todo cambia cando os asistentes quedan encerrados no teatro porque a pantasma de Lucrecia aparece para realizar a súa gran despedida.

As entradas para os espectáculos, cuxos prezos oscilan entre os 4 e os 20 euros, poden adquirirse de forma anticipada na Casa da Luz e en ticketea.

Deixar unha resposta