Presentación da ‘Obra Dramática Completa’ de Luísa Villalta

O próximo mércores 16 de maio, preséntase no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña a Obra Dramática Completa de Luísa Villalta, publicada por Edicións Proscritas, e que leva por subtítulo Sinfonía de escenas. O libro, publicado por Edicións Proscritas, está patrocinado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e pola propia Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

O volume recolle as cinco pezas escritas por Villalta: Concerto para un home só publicada en 1989 nos “Cadernos da Escola Dramática Galega”; O representante, publicada en 1990 e O paseo das esfinxes, do ano 1991, ambas editadas tamén polos “Cadernos Escola Dramática Galega”; Os doces anos da guerra, obra publicada pola Revista Galega de Teatro no ano 2001; e finalmente, As certezas de Ofelia, publicada por CasaHamlet en 1999.

No acto de presentación do próximo mércores, terá lugar, asemade, unha lectura dramatizada de Os doces anos da guerra, que contará coa presenza da actriz Manuela Varela no rol de Silvia, a protagonista da peza.

Ademais, o próximo mércores 23 de maio, no Teatro Colón da Coruña, estrearase O paseo das esfinxes, un espectáculo de gran formato no que participan doce actores e actrices dirixidos por Lino Braxe.

Deixar unha resposta