in ,

Agadic mantén a súa achega á Mostra de Teatro de Ribadavia por quinto ano consecutivo

RibadaviaPublico1 |
Agadic decide manter igual a achega orzamentaria que recibe a MIT Ribadavia malia recoñecer o seu “caracter estratéxico para a difusión escénica en Galicia”. A cifra non sobe dende 2014. | Manuel Xestoso |

 
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria manterá o seu apoio á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. Este compromiso materialízase a través do convenio asinado onte polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde ribadaviense, José Ignacio Gómez, segundo o que a Xunta achega 60.000 euros a esta cita co obxectivo de afondar na promoción do sector teatral galego, a mesma cantidade que a MIT vén recibindo dende 2014.

A axuda da Agadic outórgase, como sinala o texto do acordo, por ser a MIT Ribadavia “un dos eventos máis importantes do sistema teatral galego, recoñecido pola Xunta co Premio da Cultura Galega 2013 na modalidade de Artes Escénicas, ao entendelo como o principal catalizador da refundación da escena galega na década dos anos setenta do pasado século”.

O director da MIT Ribadavia, Roberto Pascual, declarou que “agradece os recoñecementos” pero que “sería bo recoñecer os méritos tamén economicamente, para que a Mostra poida mellorar. Hai que ter en conta o caracter específico deste festival: da cantidade concedida no convenio case a metade se gasta en equipamento. Temos unhas necesidades económicas moi particulares e Agadic debería admitir esa especificidade”.

Pascual explica que outras comunidades con festivais que consideran estratéxicos –coma no caso, por exemplo de Castela e León co Titirimundi de Segovia ou o Festival Internacional de Teatro y Artes de Calle de Valladolid– adxudícanlles partidas que duplican a cifra outorgada á MIT.

Até o ano 2013, a MIT Ribadavia obtiña as axudas en réxime de concorrencia competitiva á convocatoria de subvencións para festivais escénicos convocados pola Agadic. No 2014, porén, despois de que se lle concedese o Premio da Cultura de Galicia 2013, a Consellería de Cultura e Educación recoñecía o “carácter estratéxico para a difusión escénica en Galicia e a súa compoñente emblemática pola transcendencia que tivo no inicio e desenvolvemento do noso teatro”. O departamento daquela dirixido por Xesús Vázquez Abad decidía entón asinar un convenio de colaboración co Concello de Ribadavia que supuña un incremento do 34,27 por cento a respecto da cantidade concedida en 2013 a través da convocatoria pública de axudas.

Coa nova fórmula “que pasa polo recoñecemento previo da excepcionalidade e especiais características da mostra ribadaviense”, segundo explicaba a propia Agadic, a MIT quedaba salvagardada desa obriga de concorrer ás axudas e aumentaba o seu nivel de financiamento. A cantidade outorgada daquela, sesenta mil euros, é a que non sufriu variación nestes cinco anos malia a Consellería recoñecer que a MIT é “a cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados ao teatro non só de Galicia, senón tamén das comunidades limítrofes, que poden acceder deste xeito a propostas de prestixiosos artistas escénicos do panorama estatal e internacional, así como ás creacións galegas máis innovadoras”.

O orzamento total para a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é un 11, 4% superior ao de 2014. Non obstante, como indica o recente informe do Consello da Cultura Galega, Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI, o gasto público en cultura reduciuse un 51% entre 2009 e 2018. En canto ao teatro, o mesmo informe indica que os orzamentos “están estancados dende o 2012. Tras o forte recorte do 60% executado nos anos da crise, só se recuperou un 10%, é dicir, perdeuse un 50%”.


Publicidade

 

A commedia dell’arte como fío condutor

Alén das cifras, a nova edición da MIT comezará en xullo coa nova montaxe de Commedia, un xoguete para Goldoni, un dos espectáculos de máis éxito na historia do teatro profesional en Galicia, que Contraproducións recupera para os escenarios da man do director Cándido Pazó xunto con boa parte do equipo orixinal que o levara por primeira vez ás táboas hai 25 anos.

Esta montaxe debuxa o que será o fío condutor da edición deste ano, a commedia dell’arte, que se complementará coa aposta pola creación contemporánea internacional con espectáculos de directores de prestixio internacional como Pippo Delbono ou Marianella Morena.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MitrovicPalinhos |

Todas as revoluções num instante, por Jorge Palinhos

teatro obsceno 1 |

O CDG celebra a segunda edición de “Teatro Obsceno” no Salón Teatro de Compostela