VI Festival EstéNarúa de Ferrol

O teatro amador e as artes escénicas volven tomar as rúas da cidade na sexta edición do Festival EstéNarúa, organizado pola Asociación Ti e Máis Eu Teatro. Un total de once compañías procedentes de Galicia, Toledo, Alicante, Madrid e Asturias presentarán os seus espectáculos en seis xornadas que se desenvolverán entre o venres e o domingo desta semana e da vindeira.

Este venres comeza a programación coa obra Enciclopedia Alvárez do Colectivo Cultural Ollomao, de Lugo no Centro Cultural Torrente Ballester, ás 20:30 horas. O sábado, á mesma hora, no Auditorio de Ferrol, a compañía Paraskenia Teatro porá en escena Volver a verte. O domingo, Noite Bohemia da Coruña, ofrecerá no Torrente Ballester, ás 19.30 horas, Troyanas, baseada na obra de Eurípides.

A programación continúa o venres 1 de xuño cun pasarrúas acompañado do grupo de gaitas Agarimo de Catabois, con remate na Pousada das Ánimas. A música continuará ás 21.00 horas no Cantón co concerto do grupo De Calle.

O sábado 2 de xuño, dende as 11:00, haberá un pasarrúas amenizado por Os Charangos. A partir das 12:30, desenvolverase o “sketch” teatral Imágenes y máscaras na praza de Amboaxe, a cargo de Sen Sen Producciones de Alicante. Pola tarde, entre as 18.00 e 21.00 horas, sucederanse outras pequenas pezas no Cantón coa participación de varias formacións: The Sastre Teatro de Ourense, Quemaisten Teatro das Pontes, Melpómene Teatro de Madrid, Dos Martín Teatro da Coruña, Teatro Cardume da Coruña e Sen Cancelas Teatro de Santa Comba.

O festival conclúe o domingo 3 cunha xornada na que se representará a obra Donde nacen las mariposas de Sen Sen Producciones no Centro Cultural Torrente Ballester, ás 12:00. Para rematar, Teatro Kumen porá en escena Miles Gloriosus no mesmo lugar ás 19:30.

Os convites para as obras no Torrente Ballester e no Auditorio poderán ser retiradas na billeteira do Jofre no seu horario habitual ou no Centro Cívico de Caranza os mércores 23 e 30 de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 e os xoves 24 e 31 de 11.00 a 13.00 horas.

Deixar unha resposta