in ,

Lalín acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

IMG 20180528 WA0001 |

Os días 1, 2 e 3 de xuño o Salón Teatro de Lalín acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado dentro das actividades anuais da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador que integra a propia FEGATEA xunto coa Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, a compañía Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana/TEIA e a erregueté-Revista Galega de Teatro. Co obxectivo de promover a mobilidade e o intercambio dos colectivos participantes, PLATTA celebra o segundo dos tres encontros  anuais con un programa que inclúe exhibición de espectáculos, mesas de traballo e un obradoiro de lecturas dramatizadas en tres linguas.

O venres 1 de xuño ás 21.00 horas terá lugar a inauguración conxunta do Festival, seguida da actuación da compañía portuguesa Duplaface coa peza As palavras são como Raios X. O espectáculo propón “un exercicio que procura desvelar o universo intimista e escuro que cada persoa trae no interior. Un universo cheo de incertezas e dúbidas que oscilan entre a conformidade e o desespero”.

O sábado 2 de xuño transcorrerá coa celebración en paralelo das mesas de traballo PLATTA e  o obradoiro de lecturas dramatizadas en tres linguas a partir do texto Caixa negra, de Fernando Epelde (editado no nº74 da Revista Galega de Teatro). Esta segunda xornada  concluirá coa presentación do espectáculo Clownsura, da compañía castelá Terrón Teatro. Clownsura é “unha festa dedicada á paixón polo teatro, percorrendo as vicisitudes ás que un grupo de teatro ten que facer fronte á hora de formarse, crear, ensaiar e representar o seu espectáculo”.

O domingo 3 de xuño, a xornada comezará ás 12.00 horas na Sala Audiovisual da Biblioteca de Lalín coa representación de Alén, da compañía galega Paso de Valverde. Pensada para toda a familia, Alén é un espectáculo protagonizado por Chuquiño: un rapaz galego que decide marchar á procura do seu tío explorador e quen, despois de perderse polo camiño, viaxa a través do mundo coñecendo países lonxanos e culturas diferentes. A continuación, o programa continuará ás 13.00 horas no Salón Teatro coa presentación do resultado do obradoiro de lecturas dramatizadas en galego, castelán e portugués.


Publicidade

Premio Fegatea

O Premio Fegatea á Animación Teatral é un recoñecemento ao labor a prol do teatro dunha persoa, colectivo ou entidade. Este ano, o Premio recaeu na ESAD de Galicia pola súa continuada e destacada colaboración coa Federación e co teatro amador en xeral. O acto de entrega terá lugar o sábado 2 de xuño.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

backstage2 |

Resoltas as axudas á produción escénica da Agadic

MostraCangas18 |

A Mostra de Cangas celebra o seu 35 aniversario