Rolda Internacional: 3 / 06 / 2018

O pasado día 15 morreu o dramaturgo irlandés Tom Murphy aos 83 anos de idade. Ligado ao Abbey e ao Druid Theatre, o multipremiado autor era unha institución viva do teatro irlandés. As súas obras foron representadas en todo o mundo e, desde 1984 ata a súa morte, Murphy tivo unha asociación significativa co Druid Theatre de Galway.

Murphy retomou os temas de emigración e o exilio ao longo da súa longa carreira. Algunhas das súas obras máis significativas son A Whistle in the Dark, The Sanctuary Lamp, The Gigli Concert ou Bailegangaire.

Obituario na radiotelevisión pública irlandesa

 


O Teatro La Mama de Melbourne ten planeado reconstruírse despois de que un incendio acabase con todo o edificio que o acubillaba. O incendio no edificio, situado no histórico barrio central de Carlton, tivo lugar a comezos do sábado 19 de maio. Ninguén resultou ferido.

O xefe executivo da Mama, Liz Jones, afirmou que a organización sen ánimo de lucro que o rexentaba xa comezou a traballar en plans de reconstrución, con apoio de todo o país. Fundado en 1967, La Mamma Theatre xogou un papel principal no rexurdir da dramaturxia australiana, e a súa lista de ex-alumnos inclúe figuras David Williamson, Cate Blanchett ou Jack Hibberd.

A noticia en ABC News (Australia)

 


O pasado 28 de maio entregáronse os premios Molière, os máximos galardóns do teatro francés. Figuras recoñecidas como Ariane Mouchkine, Joël Pommerat e Jean-Philippe Daguerre foron receptoras de varios dos premios principais. A outra gran vencedora da noite foi Adieu Monsieur Haffmann, unha comedia tráxica asinada por Jean-Philippe Daguerre, que levou catro estatuíñas, incluíndo o Molière ao mellor espectáculo de produción privada.

Páxina oficial dos premios Molière

 


A Unión Europea (UE) está a preparar un incremento do 27% no seu orzamento cultural para o próximo período de financiamento de seis anos, ofrecendo un soporte para proxectos creativos e culturais ata os 1.900 millóns de euros.

A partir do 2021-27, o orzamento asignado ao subprograma de cultura da UE aumentaría duns 450 millóns de euros a 650 millóns, mentres que o orzamento para o subprograma de medios aumentaría duns 820 millóns de euros ata os 1.200 millóns.

Culture Action Europe (CAE), que liderou unha campaña para aumentar o orzamento cultural ata o  1% do orzamento da Unión Europea, celebrou a noticia pero matizou declarando que non é “suficiente para alcanzar todo o potencial europeo” e pide aos Estados membros e ao Parlamento Europeo que garantan un “aumento substancial do orzamento para a cultura” durante as negociacións en curso.

A noticia en Arts Professional


 

En colaboración co Premio Europeo de Teatro, o 29º Congreso Mundial da Asociación Internacional de Críticos Teatrais celebrarase en San Petersburgo, Rusia, do 13 ao 18 de novembro. O Congreso da IATC inclúe a sétima cerimonia do Premio Thalia, que este ano se lle outorga a Hans-Thies Lehmann [na foto], autor do influente libro Teatro Postdramático. Tamén contará cunha xuntanza do xornal da IATC, Critical Stages/Scenes Critiques, e cun simposio titulado “Artes escénicas: liberdade e / (in)Tolerancia”.

O congreso organízase en colaboración cos Premios Europa de Teatro da Comisión Europea, que se entregaron o pasado decembro.

Páxina oficial do Congreso


 

O ex director do Centro Gogol de Moscova, Alexei Malobrodsky, foi liberado da prisión por razóns de saúde. Malobrodsky foi acusado de malversar millóns de financiamento estatal en xuño de 2017 xunto con outros empregados, incluíndo o director Kirill Serebrennikov, que estivo baixo arresto domiciliario desde o pasado mes de agosto. Ambos negaron os cargos, alegando que están sendo castigados polas críticas de Serebrennikov ao goberno ruso.

Mentres tanto, o Ministerio de Asuntos Exteriores do país fixo público que os EE. UU. negaron visados aos membros do Ballet Bolshoi para unha gala en Nova York.


 

 

Deixar unha resposta