Ibuprofeno Teatro dirixirá un Obradoiro de Creación Escénica na Mostra de Cangas

A XXXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas inclúe na súa programación un Obradoiro de Creación Escénica, que correrá a cargo de Ibuprofeno Teatro, unha compañía privada formada por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, dous profesionais que -despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas- promoven en 2010 o seu propio selo de produción, para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente, nos que se poidan integrar a escrita dramática no mesmo proceso de creación e posta en escena das obras.

O obradoiro, de 20 horas lectivas, levarase a cabo nas Naves de Ojea de Cangas entre o 2 e o 6 de xullo, ámbolos dous días incluidos, en horario de 10 a 14 horas. O taller tentará mostrar e reproducir a pequena escala o método de creación que Ibuprofeno Teatro foi desenvolvendo para investigar e descubrir as posibilidades expresivas dos actores e das actrices cando non parten de textos previos. O prezo do mesmo será de 60€ e só hai disponibles 15 prazas.

Santiago Cortegoso e Marián Bañobre farano no contexto físico dunha nave abandonada, en ruína, para desenvolver a relación do ser humano cos espazos e cos obxectos. Trátase dun obradoiro multidisciplinar, no que poden participar persoas procedentes das diferentes disciplinas: danza, interpretación, dramaturxia, escenografía, iluminación, etc.

 

INSCRICIÓN

As personas interesadas en participar neste Obradoiro poderán inscribirse a partir das 10.00h do venres 8 de xuño e ata as 10.00h do luns 25 de xuño. Para facer efectiva a inscrición é imprescindible enviar o formulario de inscrición, que atoparedes na páxina web (mostrateatrocangas.gal), debidamente cuberto, ao correo electrónico mostra@mostrateatrocangas.gal.

Deixar unha resposta