Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2018

Chega aos espazos Afundación o «Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2018». Desde Special Olympics Galicia, coa colaboración de Afundación, presentan un ciclo de programación de artes escénicas para mostrar as capacidades das persoas con discapacidade intelectual. Estarán no Teatro Afudación de Vigo o 12 de xuño coas obras La ratita presumida, A que sabe a lúa e O salón interpretadas por ACEESCA.

Este grupo de teatro está composto por persoas usuarias da Área de Adult@s de ACEESCA. A primeira das obras que presentan é unha versión do conto de Charles Perrault; a segunda é teatro de sombras; e a terceira é unha obra de clown creada para persoas con diferentes niveis de discapacidade.

A arte, nas súas diversas manifestacións, é un potente elemento de inclusión social. Ben desde a perspectiva do gozo do público, ben desde a participación activa na xeración de contidos, o achegamento ás artes das persoas en risco de exclusión social favorece a súa integración e contribúe a rachar estereotipos.

Special Olympics Galicia sinala como obxectivo xeral a inserción social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva, o lecer e calquera outra actividade coa fin de as integrar na sociedade con aceptación e respecto, fornecéndolles oportunidades para se converteren en persoas activas de pleno dereito.

Neste sentido, a representación teatral contribúe en gran medida a acadar a meta proposta. Ademais, favorece unha contorna comunitaria para a participación social das persoas con discapacidade intelectual, visibiliza as súas capacidades, potencia as súas habelencias e destrezas para se relacionaren, divulga unha imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade, traballa a memoria e actividade mental e achega a discapacidade a toda a sociedade de maneira natural.

 

CALENDARIO

Teatro Afundación Vigo. 12 de xuño

Sede Afundación A Coruña. 14 de xuño

Sede Afundación Ferrol. 27 de xuño

Auditorio ABANCA Santiago. 26 de setembro

Sede Afundación Pontevedra. 18 de outubro

Deixar unha resposta