in

Taller de procesos de creación con Marta Pazos

TallerMartaPazos |

Do 2 ao 6 de xullo, Marta Pazos impartirá un taller na Escola Palimoco de Lugo que propón un campo de probas e unha reflexión dos procesos de composición na creación contemporánea. Lanzando propostas concretas, os/as participantes xerarán unidades que permitirán a observación de materiais escénicos co fin de percibir o puctum, o lugar onde se detén a nosa propia mirada.

Atopar a perla no lodo. Este é o reto ao que se enfrentan as creadoras e creadores en cada novo traballo.

Onde está o rescatable no medio de todo ese ruído? Cal é o detonante de que un material pase a criba e ascenda cara a seguinte fase? Que fago eu agora con todo isto? Desde o “como xeramos os impulsos creativos” ata o “por que hoxe non funciona o que onte nos emocionou na sala de ensaios”; o proceso artístico é un enigma. En ocasións o achado é unha cuestión de combinatoria, de intuición.

Publicidade

A partir do ritmo e da escoita, abordarase a convivencia dos diferentes planos nas escenas, os vínculos que se producen entre elas e a intuición para dirixir a mirada do/a espectador/a. Traballaranse con algúns dos compoñentes que definiron o traballo da directora e a súa compañía, como a aparición de monstros, o inesperado, a humanización de conceptos, ou a creación de universos fantásticos con atmosferas evocadoras ou inquietantes.

 

Marta Pazos é directora de escena, intérprete e escenógrafa. Está licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona. É directora artística e dramaturga da compañía VOADORA xunto a que desenvolveu unha linguaxe propia baseada na irreverencia, a estética, a música e a investigación escénica constante.

As súas montaxes presentáronse no Centro Dramático Nacional, Centro Dramático Galego, Temporada Alta de Girona, Festival de Almagro, Clásicos en Alcalá, Olmedo Clásicos, Fringe-Matadero Madrid, Tercera Setmana, MIT Ribadavia ou Escenas do Cambio… As súas direccións estiveron presentes internacionalmente en Brasil, Mozambique, República Checa, Francia ou Portugal en escenarios como o Festival de Almada, MA scène nationale, FITEI, Festival de Agosto, Festlip ou Festivais Gil Vicente…

Actualmente traballa na dirección de escena da ópera Je suis narcissiste para o Teatro Real de Madrid, unha coprodución do Teatro Español, Teatro Real, Teatre Lliure e o Festival de Ópera de Butxaca de Barcelona.

Conta entre outros galardóns, con tres Premios de Teatro María Casares. Dous a mellor dirección e un como escenógrafa. Recibe tamén o terceiro premio do Certamen Nacional de Directoras de Torrejón de Ardoz. VOADORA conta con máis dunha decena de premios. En 2013 reciben o Premio da Crítica de Galicia.

 

FICHA

Lugar Escola Palimoco Teatro Danza.
Enderezo Rúa Doutor Balanza 10. Lugo.
Datas do 2 ao 6 de xullo de 2018.
Horario de 15 a 21h.
Duración 30 horas.
Dirixido a estudantes e profisionais de artes escénicas
Nº de participantes 20.
Taxa 150 €. 10% desconto para alumn@s da Escola.
Enviar solicitudes e C.V. a [email protected]
Teléfono 649948266.
Prazo de inscripción de 7 ao 22 de xuño.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatroinclusivo eventoweb wide |

Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2018

TeatroPrincipal |

Galicia Escena Pro presenta, a partir do luns, un programa con 19 espectáculos