in

Homenaxe teatral a Xohana Torres con ‘Un hotel de primeira sobre o río’

cartelXTorres |

O domingo 10 de xuño ás 20.30 horas, o Centro Cultural de Valladares en Vigo acolle a homenaxe teatral a Xohana Torres coa representación de Un hotel de primeira sobre o río, da man dos grupos de teatro da S.C.D. Atlántida de Matamá, Escoitade do C.V.C Valladares, Porta Aberta, Rueiro do C.C.R. de Coia e Tarantela do C.S.C.R. de Beade. O acto, organizado pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, celébrase dentro da iniciativa de “teatro compartido” na que os cinco grupos amadores elaboran un espectáculo conxuntamente.

Máis de vinte actores e actrices participan na posta en escena, que contará ademais coa música en directo de integrantes da Unión Musical de Valladares e que continúa coa iniciativa escénica que os cinco colectivos realizan desde 2015. A obra de Castelao e a obra de Carlos Casares guiaron os espectáculos presentados en 2016 e 2017, respectivamente. Para este 2018, Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres foi a peza escollida para render unha homenaxe póstuma a unha das autoras destacadas do panorama literario galego e, especialmente, ao seu teatro.

Os diferentes grupos comezaron as xuntanzas a inicios de ano para escoller o texto e debater sobre as diferentes ideas e propostas. “O peso da adaptación reaceu en Doro Piñeiro. Posteriormente, repartimos o traballo de buscar un espazo único, unha música axeitada para cada unha das partes e o deseño do cartel anunciador. Así mesmo, buscamos os elementos identificativos das personaxes de Ruth e Daniel, que en cada cadro cambian de intérpretes”, explica Luís Calvo, de Rueiro.

Publicidade

Estruturada en catro “Espazos Muda” e catro “Cadros”, Porta Aberta é o grupo encargado de introducir e guiar ao público dun cadro a outro a través das súas “mulleres-anuncio”. “Un ano máis, desde Porta Aberta estamos moi ledos e satisfeitos por ter a posibilidade de afondar un pouco máis nas obras de autoría galega; pola convivencia e a coordinación dos diferentes grupos baixo un mesmo obxectivo e pola oportunidade de seguir facendo, defendendo e representando o teatro galego e vigués polas parroquias da cidade”, destaca Pablo Fernández.

Un hotel de primeira sobre o río é, xunto con A outra banda do Iberr a produción dramática de Xohana Torres e nela aborda a través dos ollos da protagonista a cuestión da especulación urbanística, a venta da terra, a perda das raíces e a colonización turística. “Despois das experiencias realizadas con Sentindo a Castelao e Xogando Contos Feridos, Un hotel de primeira sobre o río supón un novo reto xa que significa un paso máis para a coordinación colectiva dentro deste espazo de convivencia, intercambio, encontro e coñecemento. De igual xeito, o proxecto quere reivindicar a figura de Xohana Torres como dramaturga e divulgar un texto escrito na década dos 60 que non deixa de ter vixencia”, apunta Vanesa M. Sotelo, de Matamá.

Encargado da adaptación, o director de Teatro Escoitade de Valladares, Doro Piñeiro, destaca tamén o carácter social das obras escritas pola autora e sinala concretamente en Un hotel de primeira sobre o río “a dramatización cargada de retranca no contexto da construción das réplicas, a sensibilidade na descrición da contorna onde se desenvolve a acción e, por último, a introdución de elementos esperpénticos atinados, que fan minorar para o espectador a dureza do contido dramático que debuxa o texto.”

Rocío Salgado, directora de Tarantela do C.S.C.R. de Beade, tamén incide na actualidade dunha obra que fala da tristeza que asola a unha muller que perdou a un sobriño, ao que criou coma un fillo, no mar e á que van desaufiuzar. “Tarantela leva tres anos traballando xunto a outros grupos e asociacións para que o teatro amador vigués se una. O medre desta iniciativa faise notar cada ano e con cada novo espectáculo e, grazas  a esta unidade dos centros culturais temos a oportunidade de renderlle esta fermosa oportunidade ao teatro e a unha figura como Xohana Torres”. 

Os diferentes grupos coinciden no valor desta experiencia que cada ano acolle un centro cultural diferente e durante a que os grupos teñen a posibilidade de coñecerse, acrecentar a amizade, desenvolver a súa capacidade creativa e propagar o valor da cultura galega e da autoría galega desde a escena.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TeatroPrincipal |

Galicia Escena Pro presenta, a partir do luns, un programa con 19 espectáculos

PazoProvincialOurense |

A Deputación de Ourense premia obras de teatro infantil sobre o cambio climático