Nacen en Valdeorras os Encontros de Teatro Internacional Paco González

O “I Encontro de Teatro Internacional Paco González” desenvolverase na bisbarra de Valdeorras entre o 6 e o 11 de agosto. O Barco, A Rúa, Vilamartín e Petín serán os escenarios escollidos para inaugurar esta primeira edición duns encontros que xorden da colaboración co Festival Internacional de Teatro Susana Alexander (FITSA) de México. O FITSA, que celebra a súa 27ª edición, é un dos festivais de teatro amador máis importantes de toda Latinoamérica. A súa sede sede está en Puebla (México) e celébrase durante seis meses cunhas 300 representacións por festival.

As xornadas levarán o nome do clown valdeorrés Paco González, fundador da compañía Familie Flöz e mestre de Gabriel Prada, impulsor do encontro.

O l Encontro Internacional de Teatro Paco González tentará achegar o teatro aos distintos concellos valdeorrenses. A maioría das funcións serán teatro de rúa, para aproximar o teatro á poboación. “A intención é converter o teatro nunha festa popular”, explicou Prada. Clown, títeres, contacontos , teatro tradicional ou teatro danza serán os xéneros que se poderán contemplar durante o Festival.

A meirande parte das compañías virán de México, aínda que tamén estará presente unha compañía de teatro-danza de Chicago (USA) e unha de Girona. Ademais da programación xeral, haberá unha función en Córgomo (Vilamartín) dedicada a Florencio Delgado Gurriarán a cargo da compañía Jalil Gibran de Puebla, organizadora do FITSA, que fará un percorrido pola biografía de Gurriarán e que amosará a visión que dende o mundo mexicano se ten do exilio español na Guerra Civil.

Tamén haberá formación: entre o 20 de xullo e o 10 de agosto, o pedagogo uruguaio Raúl Rodríguez impartirá titulado un curso de teatro: “Polo camiño do teatro vivo. Teoría e práctica no sistema Stanislavski”. Durante o curso, prepararase a obra do dramaturgo uruguaio Florencio Sánchez En familia, cuxa representación poralle o ramo ao curso.

A obra da Cia. Jalil Gibran Popol vuh, un soplo de vida, que xira arredor da visión da orixe do mundo do pobo Maia, pechará esta primeira edición do festival.

Deixar unha resposta