Notas dende Galicia Escena Pro 2018: día 1

Danzar primeiro e pensar despois

| Manuel Xestoso |

 

Danzar primeiro e pensar despois, segundo o Estragón de Beckett, é “a orde natural das cousas”. Talvez a espera de Godot aconselle exercitar o corpo na mesma medida que o pensamento, ou talvez sexa que a danza física e a da mente non se diferencian tanto como a primeira vista poida parecer: dende Nietzsche ata Wayne McGregor hai toda unha escola de pensamento que relaciona a creatividade co movemento. Esa relación está hoxe baixo os focos e, quizais por iso, Galicia Escena Pro comezou cun espectáculo de danza: un signo duns tempos que parecen ser testemuñas da revitalización do interese polo xénero.

Gaia, da compañía Entremáns, é unha obra que se presenta baixo unha etiqueta que soaría completamente extraterrestre hai só uns anos: danza para público infantil. Que hoxe asumamos con normalidade que un espectáculo de danza pode dirixirse aos máis pequenos parece pouca cousa pero, se comparamos o panorama co de hai só un lustro, decatarémonos de que é un sinal de que algo está cambiando na percepción social sobre a linguaxe coreógrafica. Gaia, ademais, atrévese a experimentar coa mestura de códigos, botando man dun audiovisual que leva o peso do narrativo. A frescura da mirada da compañía non lle impide, por outra banda, abordar un discurso –entre a denuncia e o didáctico– sobre a problemática medioambiental.

E é a danza a que vehicula unha boa parte da experimentación escénica contemporánea. Plastic, de Paula Quintas atopa o seu lugar nun terreo que mestura o teatral e o coreográfico para reflexionar acerca do rigor das demandas sociais sobre a aparencia externa, sobre a frivolidade dunha mirada colectiva que non dá visto nada máis aló do superficial. Quintas xa emprendera, con Up2Down e Analepsis, unha viaxe na que asumía riscos a través da hibridación de linguaxes; Plastic sitúaa definitivamente no panorama das creadoras a ter en conta: cunha execución esmerada pero sempre subordinando o virtuosismo aos intereses da coreografía, demostra ter un estilo propio e un discurso persoal sobrado de concentración e limpeza.

Tamén hai moito de coreografía en O servidor de dous amos, outra incursión de Talía na linguaxe da commedia dell’arte que, dende logo, si demostra que existe o movemento da razón ante un estado de cousas que ameaza coa parálise dos corpos e das mentes. A obra de Goldoni transfórmase nun comentario social que ataca a corrupción da democracia, as famosas portas xiratorias entre a política e a empresa –ou o que é o mesmo, a subordinación dos intereses do común ante os do gran capital. Hai un rexistro de farsa cruel que, dalgún xeito, continúa o camiño do seu anterior espectáculo –a versión dirixida por Roberto Salgueiro do Ubú rei de Jarry- aínda que aquí a pantomima voa máis a ras de actualidade: a habitual habelencia resolutiva de Talía adúbase cunhas referencias ao momento presente que non deixan dúbida sobre a concreción dos perigos que ameazan a convivencia. E demostran, de paso, que o humor segue a ser unha sofisticada ferramenta para denunciar o autoritarismo e os abusos contra o conxunto da poboación.

Como explica Badiou, a danza oponse ao espírito da pesadez. Que non decaia o baile .

Deixar unha resposta