Teatro, danza e a colaboración con MADFERIA hoxe en Galicia Escena Pro

Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, alcanza hoxe a súa terceira xornada de actividade, que inclúe cinco producións de teatro e danza, ademais da presentación da colaboración con MADferia para o intercambio de espectáculos galegos e madrileños entre ambos encontros.

No apartado de exhibición de espectáculos, pensado tanto para os profesionais acreditados como para o público xeral, esta penúltima xornada comezará ás 11:00. na Sala 2 da Fundación SGAE con Trompicallo e a súa montaxe de monicreques Planeta Ardora. O público infantil é o principal destinatario desta proposta, ao igual que de Patapatúm, o último traballo de Elefante Elegante, que poderá verse na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE ás 12:15.

Elisa e Marcela, de A Panadaría, será a terceira representación da xornada. Coproducido xunto ao Centro Dramático Galego e os concellos da Coruña, Vimianzo e Rianxo, este espectáculo arredor da historia de amor de dúas mulleres a principios do século pasado obtivo catro galardóns na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro. Poderá verse no Auditorio Abanca, ás 17:30.

A continuación, a actividade trasladarase ao Teatro Principal coa representación ás 19:30 de Lo nunca visto, por La Estampida, unha das dúas compañías madrileñas que se presentan este ano en Galicia Escena PRO grazas á colaboración coa Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid (Artemad). Dáse continuidade deste xeito, á política de intercambios con outras comunidades autónomas, como os mantidos nos anos precedentes co País Vasco e Castela e León, e que, desta volta, suporá tamén a inclusión de dúas propostas galegas na vindeira edición de MADferia en xaneiro de 2019.

Esta colaboración, no marco da que o xoves actuará en Santiago La Tartana con Soñando a Pinocho, será tamén obxecto dunha das presentacións profesionais incluídas no programa do mercado. Neste caso, a cita terá lugar ás 16:30. na biblioteca do Salón Teatro.

Esta terceira xornada de Galicia Escena PRO rematará no escenario da sede do CDG co espectáculo coreográfico Método negro, de Javier Martín, a terceira das catro propostas de danza que poderán verse nesta sexta edición do encontro.

Como en anos anteriores, as localidades dispoñibles tras o acceso dos profesionais acreditados póñense a disposición do público xeral de xeito gratuíto, previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde una hora antes do comezo da representación.

Deixar unha resposta