Notas dende Galicia Escena Pro 2018: día 3

Tempus fugit

| Manuel Xestoso |
| Fotografía: Sara Roca |

 

O tempo acelérase na feira: levas dous días e tes a sensación de que pasou unha semana dende que viches a primeira función. Se ademais sucede que empezas o día cun Ministro de Cultura e o rematas con outro, a impresión de velocidade acentúase.

O tempo é sempre importante. A feira adiantouse en 2016 do outono á primavera para facilitar a contratación nos dous semestres seguintes á súa celebración, pero os ritmos de produción mantiveron o calendario habitual –en boa parte determinados polo calendario das axudas á produción– e iso provoca que haxa certos desarranxos. Elisa e Marcela, por exemplo, é un espectáculo que xa tivo as suficientes xiras, premios e recoñecementos como para que a maioría dos programadores e do público teña cumprida noticia sobre el. Hai obras nesta edición de Galicia Escena Pro que se estrearon hai máis dun ano. E, en xeral, unha boa porcentaxe dos espectáculos exhibidos xa tiveron un percorrido máis ou menos delongado nos últimos meses. Un comentario moi repetido entre os representantes das compañías é que este ano acudiron poucos programadores: talvez as dúas cousas estean relacionadas, en cuxo caso haberá que buscar solucións para o futuro.

En xeral, cumpriría establecer unha metodoloxía que avaliase a incidencia da feira na circulación dos espectáculos exhibidos, o cal permitiría estimar a influencia deste desaxuste entre os ritmos de produción e os de exhibición na feira –e doutras variables– para mellorar a súa produtividade.

En todo caso, a feira segue ofrecendo espectáculos novos que sorprenden. Patapatúm, de Elefante Elegante, fala precisamente do tempo que os pais e nais non lles dedican aos fillos e da sobredose de agasallos con que pretenden compensar esa falta de atención. Cunha estética moi próxima ao slapstick, e sen perder o selo con que a compañía soubo dotar as súas producións dende o inicio, resulta un exemplo perfecto de como o teatro “infantil” pode nutrirse de temáticas actuais e substanciosas e de como a calidade artística dunha función non depende en absoluto do público ao que se dirixa. Elefante Elegante demostra, máis unha vez, que é unha aposta gañadora.

E un reloxo de area –que nos lembra a fugacidade do momento– preside a representación de Método negro, de Javier Martín [na foto], un espectáculo esixente (como dicía Cortázar, esixente en primeiro lugar para o creador), que nos mostra un proxecto artístico rexido polo rigor e por unha ambición artística elevada. Non abundan as poéticas que reivindiquen para si esta combinación de intencións e procuras a través dunha linguaxe formal elegante e cun óptimo nivel de baile. Martín perfílase como un autor ao que hai que seguir de cerca e, sobre todo, ao que habería que lle facilitar o contacto cun público que permanece algo alleo a certa clase de producións. A feira, con todas as súas urxencias, tamén serve para iso.

 

Deixar unha resposta