A 34ª Mostra de Ribadavia aposta por un programa marcado pola comedia musical e as linguaxes híbridas

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentou hoxe a programación da súa 34ª edición que terá lugar do 14 ao 22 de xullo. A comedia musical e as linguaxes híbridas da escena actual son as liñas mestras do cartel desta nova edición que ofrece 21 representacións e un reforzo na oferta de espectáculos de rúa. Commedia, un xoguete para Goldoni de Cándido Pazó será o espectáculo inaugural mentres que a compañía inglesa Blind Summit Theatre será a encargada de clausurar o programa con The Table.

Vintecinco anos despois da súa estrea na MIT, Ribadavia volve a acoller a estrea de Commedia, un xoguete para Goldoni, un fito do teatro galego revisitado por Cándido Pazó. Entre a creación galega, destaca tamén a presenza de Elisa e Marcela, unha comedia musical na que A Panadaría reconstrúe a historia de amor entre as dúas mestras que casaron en A Coruña a inicios do século XX e que conta, entre outros, co premio ao mellor espectáculo María Casares. De igual xeito, continuando coa liña musical, o programa da MIT 2018 inclúe a versión do conto O gato con botas, que Cristina Collazo presenta da man da compañía A cova das letras baixo o título A gata con zocos e que contará co acompañamento musical en directo da Banda La Lira de Ribadavia.

No apartado internacional, cómpre destacar a presenza de referentes do panorama escénico actual como son o italiano Pippo Delbono, a creadora uruguaia Marianella Morena, a compañía mexicana Los Colochos e a compañía inglesa Blind Summit Theatre.  Despois do seu paso pola MIT con Raconti di giugno, o italiano Pippo Delbono, regresa neste 2018 con La Gioia, un espectáculo visual e conceptual a partir da idea de felicidade.  Pola súa parte, Marianella Morena ofrece en Ella sobre ella [foto] un traballo escénico realizado a partir da personaxe histórica Carlota Ferreira (1838-1912) nunha peza que transita por diferentes técnicas contemporáneas que van desde a escena teatral, a música, a performance e as artes visuais. De igual xeito, a compañía mexicana Los Colochos achegan Mendoza ao Auditorio do Castelo. Gañador do Premio AlmagroOFF en 2014, musical e  festivo, Mendoza é un proxecto que nos traslada s tempos da Revolución Mexicana e que se realizou facendo ensaios en casas de persoas sen relación directa co feito teatral. Por último, The Table, de Blind Summit é un espectáculo multipremiado de marionetas épicas, inspirado por Beckett, a Biblia e IKEA nun proxecto único que ofrece unha singular demostración da arte do títere e da improvisación coa marioneta.

Do conxunto do Estado, a MIT acolle unha escolma de traballos escénico en diversos formatos nos que se combina o circo, o teatro musical, o teatro documento, o drama ou a comedia. Así, arredor da historia, a memoria e a escena creada a partir de feitos reais, é preciso sinalar espectáculos como Ragazzo, da catalana Lali Álvarez; Donde el bosque se espesa, o novo espectáculo de Laila Ripoll -enmarcado no proxecto europeo HORIZON 2020 e UNREST para a memoria e a cohesión social transnacional europea- ou a peza Tebas Land, un texto do franco-uruguaio Sergio Blanco baixo a dirección de Natalia Menéndez.

Ademais dos espectáculos do Castelo, a MIT 2018 ofrece un conxunto de espectáculos de rúa avalados por unha importante nómina de premios e recoñecementos. Así, entre outros, desde a Comunidade Valenciana La Trocola, chega o espectáculo de circo e obxectos Emportats (Premio Feten 2018); de Andalucía, La Nórdika presenta Rojo estándar, un traballo no que a danza se fusiona co circo Rojo Estándar; de Asturias, Rodrigo Cuevas con El mundo por montera ou, desde Extremadura, Fuman Artist presenta Musicoloco. De Galicia, presentarán o seu traballo os galegos Io Circo con Contiguo e Inventi Teatro con  A tropa do Doutro Milagre, mentres que, chegado de Portugal, projecto EZ percorrerá as rúas co seu submarino. 

O programa, que certifica o compromiso asinado na anterior edición coas Tempadas de Igualdade (coa presenza de creadoras como A Panadaría, De Vacas, Marianella Morena, Natalia Menéndez, Laila Ripoll, Cristina Collazo, La Nórdika ou Lali Álvarez), complétase con cursos, obradoiros, concertos, conferencias, presentacións de libros e espectáculos en diferentes zonas do rural dentro do espazo SputMIT, para poñer en valor a arte no marco do Ribeiro.

A venda de entradas comeza o día 15 de xuño a través da páxina web de Ataquilla e na oficina do festival (Praza Maior de Ribadavia) a partir do 9 de xullo.

Toda a información na web da MIT de Ribadavia.

Deixar unha resposta