Notas dende Galicia Escena Pro 2018: día 4

Do xénero e dos xéneros

| Manuel Xestoso |
| Foto: Miramemira |

 

A sesión de pitching xa comeza a ser unha tradición dentro de Galicia Escena Pro. Semella que o formato acabou por convencer aos programadores e que as compañías aceptan a fórmula para dar a coñecer os proxectos nos que están a traballar. En certo sentido, o pitching é tamén un adianto do que será a feira do ano próximo, xa que moitos deses proxectos acabaran tendo un lugar no Galicia Escena Pro de 2019.

O que non parece acabar de perfilarse é a estratexia para explicar en que vai a consistir o espectáculo: na maioría dos casos, a exposición queda bastante indefinida e un ten que botar man do seu coñecemento previo sobre a compañía para tratar de imaxinar o que argallan os participantes. Algúns optan pola didáctica tipo PowerPoint e outros por un showcase en miniatura, pero case sempre quedan sen esclarecer moitos detalles –imaxinamos que de importancia para o programador que podería comprar a función– sobre a natureza da obra que está a poñer en pé. Galicia Escena Pro comezou este ano cun taller sobre como relacionarse cos medios: talvez non fose mala idea realizar algo semellante para iniciar aos creadores na mecánica do pitching.

Polo demais, o prognóstico que se deriva do visto e escoitado indica que haberá moitas obras cunha temática relacionada dunha forma ou doutra coas políticas de xénero: Anatomía dunha serea, un proxecto de Iria Pinheiro acubillado na Berberecheira de Chévere, Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, Insubmisión, de Teatro del Andamio, Cinco mulleres que comen tortilla, da nova compañía Señora Supina… A distancia que separa cada un destes proxectos non impide constatar que o teatro galego non lle dá as costas a unha actualidade que, necesariamente, deberá ser contemplada baixo o prisma da condición feminina. Un primeiro síntoma de autoestima sería recoñecer que, polo menos, ganas lle botamos.

Sen dúbida, a organización desta edición de Galicia Escena Pro tivo o seu maior acerto en escoitar o que estaba sucedendo no mundo da danza e actuar en consecuencia. A presenza deste xénero foi ampla en cantidade e calidade e deberiamos recoñecer ese éxito da feira, respondendo con prontitude ao que xa se albiscaba nos escenarios. A presenza no pitching de proxectos que prometen ter unha considerable relevancia nesoutro xénero do circo –Alma (non e hippie) do colectivo Verticalia, formado polas compañías Duelirium e Traspediante; Arnoia, Arnoia, o circo da casa pequena, un proxecto de PistaCatro en colaboración con Quico Cadaval– quizais presaxien a entrada en escena dun novo elemento creativo nas artes escénicas no Galicia Escena Pro do próximo 2019. Xa só queda un ano para sabelo.

Deixar unha resposta