Inherente Teatro participa hoxe no ciclo “Mulleres en acción” en Gondomar

O Concello de Gondomar acollerá este mércores 20 de xuño, ás 12.00h na Praza do Concello, á décimo cuarta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica que terá lugar en Gondomar será protagonizada pola compañía Inherente Teatro, creada en 2016 por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pia Nicoletti, tres actrices tituladas pola ESAD de Galicia que sustentan o seu traballo na creación colectiva e nas novas linguaxes teatrais. As tres artistas combinan o seu traballo como intérpretes con obradoiros formativos de creación escénica e colaboracións con outras compañías en obras de creación.

A obra que representará Inherente Teatro é Mullieris, coa que reflexiona desde o visual e o poético, sobre a nosa posición no mundo contemporáneo no día a día, partindo desde o cotián en busca dos límites do socialmente aceptado. Á acción escénica asistirán, xunto ao seu profesorado, máis dun centenar de alumnos e alumnas dos centros educativos IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

Deixar unha resposta