in

John Strasberg pecha a súa estadía na Coruña cunha masterclass no Colón

StrasbergGrupo |

O recoñecido actor, escritor e director norteamericano, John Strasberg, culminará este venres 29 de xuño a súa estadía no Teatro Colón da Coruña, co desenvolvemento dunha masterclass en que achegará as trabes do seu traballo como actor, director e mestre de actores. Tras pasar dúas semanas na Coruña, en que levou a cabo diversos obradoiros de interpretación e achegou o seu Proceso Creativo Orgánico a 31 actores e actrices, e 50 ouvintes, John Strasberg porá fin a súa viaxe por terras galegas cunha sesión especial en que exporá os seus coñecementos e experiencia profesional.

Moderada polo actor e alumno, Mateo Franco, a masterclass do vindeiro venres 29 de xuño transformará o Teatro Colón (20:30 horas) nunha aula magna para acoller o acto de peche dun programa de formación elaborado conxuntamente polas áreas de Cultura da Deputación e o Concello da Coruña. O acto será con entrada gratuíta previa reserva na web ou na billeteira do Teatro Colón.

O público terá así oportunidade de gozar dunha sesión única con Strasberg como protagonista. Baixo a organización de Mateo Franco e Zeitun Films, 80 persoas tiveron, antes do peche aberto ao público, a posibilidade de compartir escenario e interactuar co xenio norteamericano da interpretación.

Desde o pasado 18 de xuño, en que botaron a andar as leccións maxistrais de interpretación con John Strasberg, 31 artistas e 50 ouvintes, puideron gozar do luxo de ter a un dos grandes mestres da historia do teatro norteamericano e mundial. Ademais, a iniciativa artellada por Mateo Franco, quen se formou con dúas bolsas da Deputación na John Strasberg Studios de Nova York, tamén posibilitou a proxección do filme Accidentalmente a propósito, onde se narra a traxectoria de Strasberg e que precedeu a unha charla-coloquio en que o director respostou ás preguntas do público asistente.

 


Publicidade

Strasberg, unha vida dedicada á interpretación

O traballo de Strasberg continúa unha longa tradición da Escola Realista, que actualiza conceptos e técnicas interpretativas, humanizando o traballo de actores e actrices mediante o denominado Proceso Creativo Orgánico. Durante a súa traxectoria profesional, John Strasberg traballou con xente como Geraldine Page e conviviu con Marilyn Monroe, Paul Newman ou Tenesse Williams, entre outros. A sua carreira en Europa é moi salientable dirixindo unha grande cantidade de producións, algunhas delas en España, con actores como Eusebio Poncela o Julieta Serrano.

Coa masterclass do venres, Strasberg culmina a súa segunda visita á cidade da Coruña, despois de que en 2011 impartira un seminario que foi cando Mateo Franco o coñeceu antes de marchar no 2013 a estudar a Nova York cunha bolsa da Deputación da Coruña.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BarrigaVerdeLibro1 |

Presentación en Lalín do libro sobre Barriga Verde, ‘Sen medo ao demo’, de Comba Campoi

Carlos Alonso |

Os escenógrafos Suso Montero e Carlos Alonso, Premios de Honra da Mostra de Ribadavia