in ,

Os escenógrafos Suso Montero e Carlos Alonso, Premios de Honra da Mostra de Ribadavia

Carlos Alonso |
MARTA G. BREA. 4.10.10, VIGO (NAVIA).- INAUGURACION DE LA EXPOSICION "TEATRALMENTE" DEL ESCENOGRAFO CARLOS ALONSO EN LA ESCUELA SUPERIOR DE ARTE DRAMATICO (ESAD) SOBRE LA ESCENOGRAFÕA DEL TEATRO GALLEGO.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vén de concederlles o Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” aos escenógrafos Suso Montero e Carlos Alonso [na imaxe], nun ano en que o festival lle outorgará un especial protagonismo á escenografía.

Suso Montero traballa tanto no ámbito das Artes Escénicas como no sector audiovisual ou no deseño de espazos efémeros para galas e eventos. Unha boa cantidade de compañías galegas requeriron os seus servizos para o deseño de espazos escénicos, dende o Centro Dramático Galego a Eme2, Redrum ou Chévere. Unha das súas últimas obras, puido verse na produción Divinas Palabras Revolution, un espazo en dous niveis, concibido como un terrario, un set de reality vixiado por pantallas, con cores e formas modernas e imaxes dunha aldea abandonada, quizais coma un trasunto desa aldea illada creada por Valle-Inclán. A dramaturxia visual e as solucións técnicas de Suso Montero dotan á escenografía dunha relevancia especial nas producións escénicas, dun valor e dunha coherencia fortalecedora do conxunto que só pode levar a cabo unha persoa que ama e defende imaxinarios imposibles que se fan visibles.

Carlos Alonso, escenógrafo vinculado dende moi novo co teatro, tamén como actor, foi enfocando o seu camiño como escenógrafo ao lado de directores como Xulio Lago, Cándido Pazó, Xesús Ron ou compañías como Talía Teatro. Teatro do Morcego, etc. Figurinista e escenógrafo, os seus traballos foron recoñecidos en múltiples ocasións, como por exemplo nos Premios María Casares. As súas escenografías nos espectáculos Xardín suspenso, Unha primavera para Aldara ou Río Bravo, recibiron esta distinción. O seu recoñecible estilo acostuma identificarse coa utilización de materiais reciclados, coa técnica do obxecto encontrado ou co colorido da fusión de elementos reutilizados ou atrezados. As solucións orixinais, ás veces tamén obrigadas pola precariedade de medios ou por ter que desenvolver unha actividade nun apartado non sempre ben financiado e valorado, lévano a amosar o sentido profundo e extenso da composición escénica e a amplitude do concepto espacial e dos materiais, corpos, cores, texturas e volumes con que se poden conformar, sempre ao servizo dun discurso claro e dunha atmosfera pensada en base a un código propio.

A acta do Premio alude a “un momento de oportunidade e axitación dunha arte que se reivindica con toda xustiza” para, a continuación reivindicar a “dous mestres cunha destacada traxectoria e cunha actividade recente de indiscutible maxistralidade, orixinalidade e forza expresiva”.

 


Publicidade

Atención á escenografía

Difundir, explicar e visibilizar o traballo dos escenógrafos e escenógrafas é un dos obxectivos desta edición da MIT. Para iso, dentro das actividades paralelas, ademais da exposición Tránsito pola escenografía española contemporánea, que se pode visitar ata o 22 de xullo na Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Mostra reunirá ao público cos protagonistas e cos seus relatos, as súas necesidades, a súa realidade laboral, o marco legal e a súa metodoloxía creativa. 

O xoves 19 de xullo, na Igrexa da Madalena, ás 21:00, haberá un coloquio sobre “A situación da creación escenográfica en Galicia na actualidade” no que intervirán Baltasar Patiño, Carlos Alonso, Suso Montero, Montse Piñeiro, Laura Iturralde, Diego Valeiras, José M. “Coti” Faro e Marcelino de Santiago “Kukas”, entre outros. 

O día 20 de xullo, tamén na Igrexa da Madalena e á mesma hora, José Luis Raymond, Presidente da AAPEE (Asociación de Artistas Plásticos Escénicos de España) e comisario da exposición, dará unha conferencia sobre “A escenografía en España hoxe”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

StrasbergGrupo |

John Strasberg pecha a súa estadía na Coruña cunha masterclass no Colón

OperaVoadora1 |

Voadora estreará unha ópera de Fernando Buíde e Fernando Epelde en 2019