Entrega do premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño

Este sábado 30, ás 19:00h, terá lugar no Bar Liceum do Porriño o acto de entrega do premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, do que resultou gañador, a principios de xuño, Fernando Castro Paredes coa súa obra A derradeira bala.

Ademais do gañador, intervirán no acto Francisco Castro, director xeral de Galaxia, e Delio García, profesor do IES Ribeira do Louro. Dará lectura á acta do xurado Raquel Castro. A música porana Fernando Abreu e David Barros.

Un xurado composto por Esther F. Carrodeguas, Roi Vidal, Paula Carballeira e Manuel Núñez Singala, polo profesor Delio García Represas, e coa tamén dramaturga Raquel Castro como secretaria con voz pero sen voto, destacou da obra gañadora a habilidade coa que o autor trata temas como o amor e a guerra dunha maneira lúdica e sinxela. Levando a cabo un tratamento do absurdo dos conflitos bélicos dende o propio absurdo. A obra pon de relevo a necesidade de enfrontarmos conflitos morais e tomar decisións complexas. En canto á linguaxe destacan a ironía e o humor así como o coidado da dimensión poética.

O Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, nacido neste mesmo ano, está convocado pola Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro, ten como finalidade animar á escrita de pezas teatrais dirixidas ao público mozo, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa coleccións Costa Oeste nunha aposta decidida pola dramaturxia na nosa lingua.

Deixar unha resposta