in

María Armesto: “O humor é unha arma de construción masiva”

MariaArmesto |
Humor, paridade e convivencia interxeracional son tres selos distintivos da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que se desenvolve desde o 29 de xuño ata o 8 de xullo. O esperpento de Divinas Palabras Revolution, o clown de Paraíso Pintado, a fantasía en dor menor de Na butaca ou a aceda cea de A Leituga foron algunhas das propostas para a primeira fin de semana dun programa que inclúe un nutrido abano de actividades paralelas e das XVIII Mulleres en Acción. A erregueté conversou con María Armesto, directora artística desta cita imprescindible coa escena que neste 2018 chega á súa 35 edición.
| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Marcos Sánchez Armesto |

 

O manifesto co que se presenta a Mostra este ano lanza no seu título a pregunta: “é o humor unha arma de destrución masiva? Dándolle a volta a esta cuestión, poderíamos afirmar que o humor é unha arma de construción masiva? 

Efectivamente, ao longo da historia, o humor foi sempre unha arma de construción masiva. O humor serviu para criticar o poder pero tamén a propia sociedade, para vernos reflectidos sen rexeitamento. O humor ten esa función pero tampouco podemos esquecer que en certos países téñense realizado probas con enfermos terminais que confirman que a través do humor e do riso as súas condicións melloran. É unha arma de construción masiva xa que constrúe identidades e ofrece outras formas de contar a realidade. Boa proba disto témola aquí, en Galicia, onde temos un humor exquisito onde se xoga co dobre sentido, onde se xoga coa palabra e no que a sorna e a retranca crean un imaxinario propio.

Publicidade

A primeira fin de semana da Mostra tivemos a oportunidade de asistir á traxicomedia de aldea global de Divinas Palabras Revolution, o humor branco de Paraíso Pintado e o humor negro que contén a A Leituga. Que tipo de humores conforman as liñas de programación da Mostra nesta edición?

Non hai un único público xa que o público está formado por diferentes persoas con diferentes procedencias, diferentes educacións, bagaxes diferentes e humores diferentes. Existen moitos públicos e humores e desde a Mostra non queremos dirixirnos ao público só desde o humor brando. Nesta primeira decisión de traer Divinas Palabras Revolution non podemos esquecer que o propio autor a titulou como “traxicomedia” e ante iso penso que non hai nada que engadir. O mesmo podemos pensar en casos como o de Chejov, que ante historias con grande carga colocaba o título de comedia; ou co humor absurdo de Beckett que escribe en clave tráxica pero presentouse moitas veces doutro xeito. O propio traballo de Pepa Plana con Paraíso Pintado, con un humor oposto ao que vimos o primeiro día da Mostra e distinto da comedia negra de A Leituga, fala dunha traxedia de grande actualidade como é a dos mortos no Mediterráneo. Nela demostra que o humor branco tampouco está enfrontado con este tipo de contidos.

No programa deste ano, podemos comprobar que a Mostra realiza tamén unha aposta clara pola convivencia de propostas de creadoras e creadores de diferentes xeracións.

Si, estamos a morte con iso. Unha función fundamental que deberan cumprir todas as persoas que programan á hora de dar un servizo á cidadanía é esta. Estamos reforzando este aspecto e considero que hai que intentar apoiar as producións ou coproducir na medida do posible porque ás veces os traballos que se propoñen son espectáculos de pequeno formato, unipersoais ou se son de gran formato non cumpren coas expectativas dunha mostra internacional onde se pretende mostrar a excelencia profesional de propostas de diferente procedencia, gusten ou non gusten. A boa noticia é que hai xente aquí facendo cousas moi diferentes desde unha linguaxe actual e a aposta desde a Mostra por incluílas é firme e forte. Desde o noso equipo de comunicación, nos últimos anos vense estudando o público da Mostra e queremos seguir producindo novos públicos e ofrecer o que ofrece a nova creación. Hai dous anos a compañía dunha egresada da ESAD de Galicia -Teatro en Vilo- acadou o premio do público con Interrupted. Ese é un claro exemplo de que algo están facendo ben as novas xeracións.

Outro dos piares indiscutibles é a presenza innegable de creadoras non só nos espectáculos senón nas actividades paralelas. É ese un signo distintivo da Mostra?

Eu entrei no 98 na Mostra e desde ese momento comezamos a traballar nese aspecto. No ano 2000 tiveron lugar as primeiras xornadas de Mulleres en Acción pero, aparte das xornadas e da incorporación de creadoras na programación, creo que é importante que poidamos conter producións cada vez maiores porque parece que as mulleres sempre nos movemos no campo do “micro”, no pequeno. Este é un bo momento no que contamos con moitas creadoras, moi preparadas e cultas. Ao principio custaba moito máis acadar a paridade xa que un dos criterios, ademais de ver moitos espectáculos, é contar con propostas por parte de equipos no que as mulleres tivesen un peso importante, pero esa dificultade foise superando. O humor é un selo e a paridade é outro selo da Mostra. Parece que políticos, programadores e produtores viron nesta cuestión un filón pero nós levamos moito tempo traballando nisto.

Este ano as xornadas son paralelas levan o título “Mulleres nas artes vivas e visuais. Somos a metade queremos paridade”. Cal é o motivo da escolla?

Sempre pensamos que podemos facer. Na presentación do libro Soft Power: Heroínas y muñecas en la cultura mediática, Asunción Bernárdez Rodal falaba da importancia das cotas e dos estudos. Precisamente, aquí no 2015 naceu un compromiso da Secretaría Xeral de Igualdade para a realización dun estudo con perspectiva de xénero sobre as vidas laborais. Creo que, máis que saber cantas mulleres van ao teatro, importa coñecer como é a vida laboral dunha actriz, dunha directora, dunha traballadora da cultura; de como van chegar á súa xubilación. Pensamos que o sabemos pola experiencia individual pero na verdade é que sen datos non podemos coñecer a situación real. Actualmente ese estudo amplo, estase a facer grazas ao traballo de diferentes colectivos. Este ano apostamos por contar con persoas con certa responsabilidade na produción escénica e a idea é pensar que propoñemos e que se pode facer a nivel de políticas para a inclusión real das actrices nas producións escénicas e audiovisuais. A Mostra nese sentido tamén é un espazo que serve de plataforma para a reflexión e o debate e a materialización de proposta que cubran as eivas que detectamos.

A Mostra chega este ano á súa 35 edición. Cales son os retos e as dificultades que sigue habendo?

Publicidade

Retos, eu creo que todos. Crecer en espectáculos ou ampliar o festival no tempo sería un deles. Actualmente estamos estudando as maneiras de abrir actividades e e que os espectáculos de rúa poidan estar máis días. Neste sentido, a limitación está relacionada sempre co aspecto económico. Nunca sabemos os cartos que imos ter, é algo que sempre é a posteriori. Nos últimos anos este aspecto foi mellorando e nótase un cambio desde a Deputación de Pontevedra, que variou a maneira de enfocar e premiar os proxectos con peso sen deixar de premiar cousas novas. Se ben hai esa limitación non somos de andar laiándonos O que queremos é ser asertivas e buscar o xeito de facer o que queremos facer. No que respecta aos retos, eu creo que estamos na boa liña de de defender a morte o humor nun momento no que está tan ameazado e perseguido, de apostar a morte pola paridade, de apostar a morte polas novas xeracións e de apostar a morte polas artes vivas.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

divinas |

‘Divinas Palabras Revolution’ volve esta semana ao Salón Teatro de Compostela

PregonTatan |

Pregón da 35ª Mostra de Teatro de Cangas, por Eduardo R. Cunha “Tatán”