Pregón da 35ª Mostra de Teatro de Cangas, por Eduardo R. Cunha “Tatán”

Para que che inviten a ser pregoeiro da Mostra de Cangas tes que ser alguén importante e hai pouca xente tan importante como Eduardo R. Cunha “Tatán”. A asociación entre a Mostra e Tatán é, daquela, unha alianza importante á que a erregueté –por suxestión de xente importante– non podía permanecer allea. Reproducimos aquí o pregón co que deu inicio a 35ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Feliz aniversario a todas!
| Texto: Tatán |
| Foto: ProLIght Estudio |

 

Para que che conviden a dicir un pregón na Mostra de Teatro de Cangas teñen que acontecerche moitas cousas na tua vida teatral, moitísimas, ou polo menos que así o perciba quen che invita. A min pedíronmo, eu veño. Levo 35 anos na profesión e aínda no teño un “master” pero si moito camiño andado dentro e fóra da Galicia. E foi doado neste caso porque da Mostra de Cangas eu teño no peto recordos, pasaxes e paisaxes da miña vida teatral que cruzaron a ponte de Rande en multitude de ocasións e que nalgúns casos viña de baleiro e voltaba cheo de novas experiencias, experiencias de amizade e de coñecemento teatral na maioría dos casos. O meu fantasma anterior estivo aquí moito antes, na Sala Disconcierto, cantando. Como volo conto.

Veño do mundo dos títeres, dos obxectos manipulados, das marionetas que creamos para os espectáculos nos que participo en TANXARINA xunto cos meus queridos Andrés e Miguel dende hai 35 anos, e sempre unha manipulación mesturada coa interpretación actoral. O soño actoral está sempre presente… as veces cúmprese, outras se pelexa por el, pero sempre está aí.

Por suposto que para ler este pregón, poder facer referencia á MOSTRA e falar da miña íntima relación co pobo de Cangas teño que nomear a persoas, a homes e mulleres, a actores e actrices, a técnicos, a directoras, a programadores… e se teño que poñer nomes póñoos: dende Manuel Xavou que participou con nós erguido nos seus zancos no espectáculo Coca, a volta da bestia, nos anos 90, ata Mónica Camaño, de Coiro, que tamén participou e á que coñecín a través dun home imprescindible na literatura e no teatro galego: Xosé Vázquez Pintor. Foron tempos de moita vontade e de moito cariño polo que faciamos: Suso Piñeiro e Amparo Ibarra en Moaña apuntalaban tamén o proxecto coa súa forza procedente do teatro Kaos. Rosa Estévez, con quen tiven o privilexio de compartir o primeiro libro de títeres escrito en galego. Henrique Harguindey, de quen aprendín que o meu nome, Tatán, procedía dunha sopa que facian en Cangas: A sopa dos tatáns!!

Non podería comezar este pregón sen facer fincapé nestes acontecementos que co tempo ían transformarse en encontros teatrais de gran envergadura no noso panorama teatral e que máis dunha vez ían rematar compartindo tinto femia e comida na do Jefe.

Encontros que ao longo do tempo ían ser virtudes de traballo, de teatro nos palcos, acompañado dos mellores e das mellores do Morrazo. Redondela, Cangas, Moaña… Falo de Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, Tanxarina… Momentos imprescindibles para poder falar hoxe con propiedade, con cariño, con TEATRO con maiúsculas… E se teño que seguir dicindo nomes dígoos: Casilda García, Sónia Rúa, Pepa Barreiro, actrices imprescindibles do teatro galego que souberon arrouparme co seu cariño dentro e fóra do teatro –grazas por tanto e tanta sabedoría amigas–, Salvador del Rio, Mundo Villalustre, Etelvino Vázquez, Carlos Alonso, Julio Cardoso… e moitos máis de quen aprendín moito para seguir na senda non doada do teatro.

Xuntos, arrexuntados nunha mesma aventura chamada Producións Teatrais do Sur. Que aventura, que loucura, cantas ansias, canto teatro! E con nós, o meu queridísimo Celso Parada a quen hoxe lle dedico moi especialmente este pregón porque el eche o meu maestro de cerimonias, o meu mentor, o meu amigo… xunto con Isabel. Con el comparto os mellores momentos teatrais. Grazas por ese Saturio, por ese Afonso de Portugal, por esa Nai Ubú… personaxes que levo gravados na miña memoria sempre. Podería seguir falando con vós horas de toda a miña experiencia teatral relacionada con Cangas pero hoxe ao que veño aquí é a presumir de que a organización da Mostra tivo a ben convidarme a facer o Pregón. E sería marabilloso que a Revista Galega de Teatro fundada por Antón Lamapereira e continuada por Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso, tivese a ben editalo…

Queridos colegas, amigos, amigas, o voso traballo non foi en balde. Se isto fose un casino as vosas fotografías tiñan que estar penduradas das paredes, no hall, nos despachos. Quen vería ao Rei Ubú de Xosé Manuel Pazos subido ao cabalo na mesa do despacho. Sempre vin á Mostra de Cangas, ben na escena ou ben na butaca, como actor e como espectador, un espectador privilexiado, coma vós que hoxe estades aquí sentados e sentadas porque, como ben sabedes, esta Mostra é a máis representativa do sur de Galiza e dende fóra, dende a butaca, ás veces pódese comprobar máis obxectivamente, porque ocorren certas cousas que fan que o rito ano a ano, tempada a tempada, saia adiante e este auditorio e as rúas de Cangas celebren o teatro por todo o alto.

E estas cousas ocorren porque detrás hai persoas moi importantes, con talento, que dan prestixio e calidade ao Festival. Falo de Ché Mariño, organizadora e loitadora que cada ano, pasiño a pasiño consegue o que se propón, aínda que a administración a faga rabexar. A Asociación Xiria ten moito que agradecerche.

Maria Armesto directora artística nos últimos catro anos que fortalece e apuntala aínda máis este marabilloso proxecto. Os técnicos do teatro, Salvador, Paco, Hector, Anxo ou Andrés. Grazas pola vosa atención, polas vosas luces, polo son… pola paciencia. E Gracias Juanjo por manter vivo o local…

Galiza enteira pode estar fachendosa do voso labor, da dignidade que representa navegar nesta marea inquietante á que sempre andamos expostos na cultura deste país, contra ventos e mareas, coa máscara da proa ben alta. As razóns para continuar son moitas. Que non decaia, ou se algo ten que decaer que sexan os imbéciles e escuros que as veces poñen impedimentos para que os procesos creativos queden no camiño.

Viva o Teatro en Cangas, Viva a Mostra: e como diría Afonso de Portugal: “ao fim terra firme, não morrim estripado pelos piratas e salveime de morrer afogado”…

ARRIBA O TELÓN!

Deixar unha resposta