Novos proxectos de Chévere

Despois do seu regreso ao Salón Teatro de Compostela para realizar as últimas funcións de Divinas Palabras Revolution para o CDG, Chévere continúa coa súa actividade escénica. Unha das primeiras paradas será o venres 17 de agosto na XL Mostra de Teatro Galego de Cariño coa comedia musical Río Bravo 3.1: un western escénico con Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Miguel de Lira, Xron, Marcos Ptt Carballido e a música de Ramón Orencio e Xacobe Martínez.

De cara ao vindeiro outono, o cabaret singular da Ultranoite regresa a Teo os días 14, 15, 21, 22, 28 e 29 setembro. As entradas están á venda en www.redenasa.tv.

Por outra banda, Anatomía dunha serea, o espectáculo de Iria Pinheiro, que fai parte da Berberecheira –o laboratorio escénico posto en marcha pola compañía para producir montaxes de artistas próximos– está en proceso de produción.

Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, integrantes de Chévere, participaron onte nos Cursos de Lingua e Cultura Galegas “Galego sen fronteiras” cun relatorio no que abordaron o compromiso fundacional co idioma por parte da compañía e a súa experiencia levando en versión orixinal a diferentes países obras como Annus Horribilis, Eroski Paraíso ou Divinas Palabras Revolutión, adaptación libre da peza de Valle-Inclán.

Xunto co idioma, o humor é unha das marcas de identidade de Chévere desde a súa creación en Santiago de Compostela en 1987. Igual que Chévere, os cursos incluídos no programa “Galego sen fronteiras” levan tres décadas funcionando e nesta edición suman 75 estudantes de vinte e catro países e cinco comunidades autónomas do Estado. As aulas teñen lugar en Santiago de Compostela combinando as sesións teóricas e prácticas cun programa de palestras protagonizadas por figuras destacadas da cultura galega desde os seus respectivos eidos de acción.

Deixar unha resposta