in

Paraíso Pintado

Paraisopintado |

A ilusión perdida

| Manuel Xestoso|

 
[Paraíso pintado, de Pepa Plana, foi o espectáculo gañador do Premio do Público da XXXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas]
 
Predica co exemplo: o seu é un humor sen violencia que prescinde da clásica labazada e busca a graza no insólito e na perplexidade ante unha orde que non acaba de entender. Pepa Plana é, en Paraíso pintado, un deses anxos pintados en cadros de gusto dubidoso que existen en certas salas de estar, un anxo ao que lle aburre a harmonía impostada dese paraíso de andar por casa que acaba sendo un mundo pechado aos acontecementos que teñen lugar no exterior.

O desconcerto do clown ten sempre un aquel de inxenuidade, unha lectura do mundo un chisco infantil que non concibe o mal en toda a súa crueldade. O anxo de Pepa Plana posúe esa inocencia que a leva a confundir ser un anxo da garda con actuar coma unha superheroína, e as súas tentativas de fuxir desa orde monótona do fogar familiar non deixan de constituír un proceso de aprendizaxe a través do xogo: aprender a voar é unha obriga de todas as criaturas, polo menos ata que os desenganos nos obrigan a modular ese desexo.

Paraíso pintado é un pouco esa viaxe cara ao coñecemento do mundo e nela atopamos os clásicos desencontros de todo pallaso ante a ambigüidade de obxectos tan comúns como unha caixa de música ou un alfinete: son as testemuñas da dificultade de ser, a lembranza de que o máis sinxelo ten unha enorme capacidade de converterse en imposible e de que o que temos aparentemente nas mans tende a escapulirse sen que comprendamos moi ben como. Nese xogo atopa Pepa Plana a complicidade co público: na expresividade xestual, no sentido do ritmo e na sabedoría corporal que acompaña cada pantomima.

Talvez a maior hilaridade se atopa nos diálogos cun Deus contra o que se rebela, non con afán luciferino, senón coa malicia dunha nena revoltosa que, precisamente por ese carácter fedello, é a preferida do pai. Son momentos que airean unha acción que pode resultar repetitiva e que semella non avanzar: o segredo do pallaso é ser sempre o mesmo e iso, en ocasións, implica certas servidumes.

Ata que chega o xiro definitivo que lle dá sentido ao espectáculo: o encontro co mundo real e coa traxedia dos refuxiados que afogan diariamente no Mediterráneo. A descuberta da realidade resulta non ser coma a imaxinación nos ditaba e a desolación que segue é coma a da nena que perde unha ilusión: o auditorio enfróntase á encrucillada de consideralo un lamento pueril e insignificante ou un sinal de que tomar un rumbo distinto debería ser unha prioridade. O poético transformado en drama actúa directamente sobre a conciencia.


Publicidade

A longa ovación que despediu á artista indica que a mensaxe foi, polo menos, moi ben recibida polo público da Mostra.
 
Paraíso pintado de Ferruccio Cainero e Pepa Plana.

Dirección: Ferruccio Cainero.
Elenco: Pepa Plana
Voz en off: David Verdaguer
Escenografía: Lali Canosa
Vestiario: Rosa Solé
Iluminación: Yuri Plana
Atrezzo: Oriol Blanchar
Vídeo: Estudio Nueveojos
Produción: La vaca flaca

Mostra de Teatro de Cangas. Auditorio Municipal. 30 de xuño de 2018.

Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 2-07-2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

riobravo |

Novos proxectos de Chévere

LILIOMPascal Victor |

Liliom