Hors-Champ

Enigma transparente

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Sergine Laloux |

 
A realidade ten múltiples caras e os seus misterios son tan transparentes que ninguén os ve. Como unha sucesión de ángulos dunha realidade fragmentada, a coreógrafa belga Michèle Noiret constrúe con Hors-champ unha longametraxe escénica para cinco bailaríns e un operador de cámara. Nela, a gravación do presente e a presenza do corpo en vida conviven nunha sintaxe escénica de gran potencia formal na que, ao tempo que insinúa as relacións de tensión e atracción entre os personaxes, acaba por pregar o tempo e dobrar o espazo.

Labirintos calidoscópicos, zooms psicolóxicos e relampos de realidades paralelas parecen sucederse en Hors-champ nunha convivencia interdependente entre o audiovisual e a danza en escena. O punto de partida desta proposta estreada en 2013 semella simple: unha parella é convidada a cear nunha casa dun barrio chic e o convidado e o mordomo recoñécense. A partir dese momento, asistimos ao despregue dunha realidade alucinada na que os espazos se suceden subitamente e os tempos se funden grazas a unha alianza entre corpo en movemento e imaxe en movemento que consegue non só ampliar a mirada sobre a situación inicial –até acabar por reconstruíla- senón de estender os puntos de vista sobre a mesma.

Hors-champ arrinca coa proxección audiovisual da chegada e encontro dos cinco personaxes no interior dunha casa. Nunha serie de relacións tinguidas polo estrañamento, a atmosfera intrigante que achega a composición musical e un universo caracterizado pola metamorfose espacial a través da manipulación directa dos diferentes módulos escénicos, Noiret indaga na fronteira entre realidade e ficción e permítenos albiscar as zonas escuras dos personaxes a través de operacións asociativas que invocan memorias e evocan pasaxes delirantes. Nese territorio de relacións insinuadas, memorias suxeridas e fantasmas latentes, a potencia da proposta coreográfica de Noiret vén dada pola danza entre realidade gravada e realidade en directo que implica unha relación co ollo do espectador. Nese sentido, quen asiste a Hors-champ móvese entre a dirección da mirada que impón o audiovisual e a posibilidade de escolla que abre co xogo en simultáneo dos diferentes elementos escénicos.

Entre o asociativo e o lírico, entre o mimético e o narrativo, Hors-champ móvese por unha realidade cambiante que mestura planos, superpón realidades e acaba por acentuar a posición de voyeur de quen foi convidado a asomarse a ela. Máis aló da frustración de procurar desvelar os enigmas que agochan os seus habitantes, un dos riscos de Hors-champ procede da imponencia formal que acaba por desdebuxar a lóxica das relacións tanto personaxes nesa interacción entre os planos audiovisual e escénico. Non obstante, o seu atractivo nace desa atmosfera enrarecida e perturbadora na que se moven uns personaxes en permanente estado de vixilancia e na que acabamos por detectar que permanecemos fóra de campo ante o noso propio enigma.
 
Hors-champ, de Michèle Noiret

Dirección, guón e coreografía: Michèle Noiret
Elenco: Juan Benítez, David Drouard, Isael Mata, Marielle Morales, Lise Vachon.
Colaboración artística: Dominique Duszyinski
Filmes: Patric Jean
Operador de cámara: Vincent Pinckaers
Composición musical orixinal: Todor Todoroff
Violoncelista: Sigrid Vandenboaerde.
Música: Bernard Hermann, Danger Mouse.
Escenografía: Sabine Theunissen
Luz: Xavier Lauwers
Figurinos: Greta Goiris

Festival de Almada. Grande Auditório do Centro Cultural de Belém, 13 de xullo de 2018.

Deixar unha resposta