in

A meio da noite

Ameiodanoite1 |

Na hora do lobo

 | Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Paulo Pimenta |

 
O día no que se celebraba o centenario do nacemento de Ingmar Bergman, a coreógrafa portuguesa Olga Roriz brindaba a súa especial homenaxe ao cineasta co seu A meio da noite no Festival de Almada. Como o propio nome suxire, A meio da noite é un espectáculo que ben podería enmarcarse no corazón dun título da filmografía do director sueco como é A hora do lobo: o momento entre a noite e a aurora no que o sono é máis profundo e cando os insomnes se ven acosados polos seus maiores temores. Nunha brillante conxunción de universos tecida por Roriz, A meio da noite fai emerxer o mundo do poeta do drama a través dunha dramaturxia de soño acordado na que sete corpos expoñen a tráxica beleza do humano.

Nunha coidada concepción global do espectáculo, A meio da noite recibe ao público nun espazo transformado en sala de ensaios na que conflúen diferentes temporalidades: a da vixilia e a do soño, a do proceso de creación e a da representación, a dun interior no que se simultanean as paisaxes humanas e a dun exterior que insinúa paisaxes interiores. Así, nese espazo estilizado a medio camiño entre a procura e o achado, Roriz deseña a constelación na que resoan os berros e os murmurios da galaxia Bergman.

O corpo feminino é o primeiro en habitar o espazo de A meio da noite e apuntar a gramática do espectáculo. Nela, o estrañamento do cotián e a irrupción dunha danza na que se combinando os elementos descritivos cun desenvolvemento abstracto acaban por producir metáforas solventes de conceptos recorrentes da poética de Bergman. Desde unha beleza vigorosa –sutil e, ao tempo, violenta-, as imaxes e as relacións sucédense dentro dunha dramaturxia de carácter asociativo que convida a visitar os diferentes ángulos da obra e da figura do realizador nórdico: desde os seus intestinos á propia nai, desde os personaxes dos seus filmes a calquera parella anónima.

O tempo é outro dos protagonistas de A meio da noite. Como suspendido entre a noite e o día, o tempo esculpe o muro que coroa o espazo –despintándoo a través das marcas de humidade e redeseñándoo co musgo que o cubre. Mais o tempo tamén opera no movemento transformándose en banda sonora coa sucesión de segundos en segundo plano ou mediante os saltos temporais que unha voz en off indica facendo referencia á data dos ensaios.

Sintética e poderosa, lírica e sofisticada, A meio da noite ofrece un despregue de li(v)erdade creativa e interpretativa guiada por unha dramaturxia fluída e suave na que habita a violencia, o amor imposible e o implacable paso do tempo. No medio da hora do lobo, a Companhia Olga Roriz ofrece unha viaxe en paralelo á mirada de Bergman a través dun ollar rigoroso e experimentado que celebra a vida en escena.


Publicidade

 

A meio da noite, da Companhia Olga Roriz

Dirección: Olga Roriz.
Elenco
: André Campos, Beatriz Dias, Bruno Alexandre, Bruno Alves, Catarina Câmara, Francisco Rolo, Rita Calçada Bastos.
Banda sonora: Bach, Satie, Primal Scream, Michelle Gurevich, Schubert, Chopin, Tchaikovski, Wagner, Dolf van der Linden, Erhard Bauschke, Giovanni Fusco e Jefferson Airplane.
Fragmentos sonoros: Metrópolis, de Fritz Lang; Persona, de Ingmar Bergman e dunha entrevista a Ingmar Bergman.
Selección musical: Olga Roriz, João Rapozo e intérpretes.
Escenografia e figurinos: Olga Roriz e Ana Vaz, asistidas por Rita Osório.
Deseño de luz: Cristina Piedade.
Vídeo: Olga Roriz e João Rapozo.
Deseño de son: Sérgio Milhano.
Apoio dramatúrxico: Rita Calçada Bastos.
Produción: Ana Rocha
Co-produción: Teatro Municipal de Bragança, Teatro Municipal de Vila Real e Teatro Nacional São João.

Festival de Almada. Escola D. António da Costa – Palco Grande. 14 de xullo de 2018.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PradioDomingo4 |

Cía. Prácido Domingo: “A nosa profesión é un pequeno acto revolucionario de resistencia”

palaciodaopera1 |

Amigos da Ópera da Coruña celebra os 250 anos do primeiro teatro lírico da cidade