O II Certame de Microteatro Metro Cadrado xa ten gañadores

A Asociación Cultural Telón e Aparte, entidade organizadora do II Certame de Microteatro Metro Cadrado, convocou no Pazo da Cultura o pasado xoves 12 de xullo ao xurado desta segunda edición do Certame. Os membros do xurado reunidos para a realización do fallo foron: Emi Candal Bouzas (xestora de Urdime Sociedade Coopertativa Galega), Xesús Ron “Xron” (director do Grupo Chévere), Alba Bermúdez Iglesias (actriz), María del Carmen Castro Pombo (membro da organización do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo) e Melina M. Regueira Varela (membro da organización do FIOT e traballadora da Asociación Cultural Telón e Aparte, en calidade de secretaria sen voto).

As obras gañadoras do II Certame de Microteatro Metro Cadrado que promove a Asociación Cultural Telón e Aparte, entidade organizadora do Festival Internacional Outono de Teatro, son as seguintes:

  • A HISTORIA DAS FLORES, presentada por TUKUMPAS TEATRO, representada por Rubén Porto e Davide González.
  • AS VACACIÓNS MÁIS LONGAS, presentada por DIEGO M. BUCETA, representada por Diego M. Buceta.
  • MI BICI, presentada por CIA N+1 (TEATRO CIRCO DANZA), representada por Alfredo Pérez Muíño (Fredi).
  • A BONEQUIÑA, presentada por MOITO MORRO TEATRO, representada por Borja Calvar e Antía Costas.
  • PAN, presentada por HELENA SALGUEIRO, representada por Helena Salgueiro.
  • ANTES QUE NADA, presentada por FAUNOS, representada por Rolando Sánche Selas e Fernanda Barrio Barcala.

A maiores, e segundo se recollía nas bases, decídese seleccionar as seguintes propostas dramaturxicas como suplentes, que de existir vacantes entre os gañadores que non puidesen representar a súa obra nas datas sinaladas, convidaranse tendo en conta a peza máis axeitada para os espazos dispoñibles:

  • PROXECTO PANK, presentada por FUNBOA ESCÉNICA, representada por Manuel Parra e Cristina Balboa.
  • ALICIA MORREU DE SOBREDOSE, presentada por NOELIA TOLEDANO, representada por Noelia Toledano.

O Certame de Microteatro Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras/es emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.

Recibíronse un total de 25 obras, entre as cales o xurado fixo unha selección atendendo á finalidade do Certame Metro Cadrado e ás características da obra e o formato indicados nas Bases 1a e 3a, despois das oportunas deliberacións, priorizando as obras de nova creación e estrea e, en especial, a adecuación das mesmas aos espazos ofertados, así como a autoría propia. Así mesmo, procurouse o equilibro entre diversas linguaxes e disciplinas, e a diversidade de públicos destinatarios. Por último, tívose en conta a presenza de participantes de carácter profesional e non-profesional.

As obras seleccionadas polo xurado serán representadas entre o 12 e o 28 de outubro no marco do FIOT. Unha vez representadas, recibirán un premio valorado en 300€ e recibirán unha axuda de 100€ para gastos de desprazamento e de produción da obra.

Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios: Premio do Público 150 € e Premio á Mellor Interpretación 150 €.

Deixar unha resposta