A Panadaría gaña o Premio do Público da MIT de Ribadavia con ‘Elisa e Marcela’

O Premio do público da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recaeu na compañía A Panadaría, co espectáculo Elisa e Marcela, superando só por décimas á segunda máis votada, a mexicana Los Colochos con Mendoza.

A MIT remata esta edición cun récord de asistencia de espectadores, chegando case ao 100% da ocupación das localidades no Castelo e cunha participación masiva nas rúas e nas actividades paralelas.

Na MIT xurdiron temas relevantes como a pouca valoración do oficio da escenografía por parte de organismos coma a AGADIC da Xunta de Galicia nos proxectos de axudas públicas a produción de espectáculos, o precario mantemento e dotación dos teatros e auditorios de Galicia (moitos deles pechados á actividade escénica a maior parte do ano), a escasa tarefa que dende a administración se está a facer en relación coa proxección exterior do teatro galego ou a necesidade de dotar máis a un festival defendido por un volume de xente cada vez maior.

Segundo a organización, “a MIT é un encontro festivo, reivindicativo, que traballa para o común e que precisa mellorar o seu financiamento con urxencia”. A Mostra cre que “dende a periferia, o teatro galego pode estar na vangarda”, e que “grazas á coprodución de Commedia, acompañará e abrirá portas e camiños para o espectáculo dirixido por Cándido Pazó e servirá de embaixadora en encontros de Brasil, México e Uruguai, a onde o festival xa foi convidado a participar grazas aos intercambios e redes establecidas” no marco desta edición.

Deixar unha resposta