O festival de circo contemporáneo Vaudeville Rendez-Vous desenvólvese do 25 ao 28 de xullo

Dez compañías internacionais e 21 presentacións configuran o programa da quinta edición do Festival Internacional Vaudeville Rendez-Vous. Dedicado ao circo contemporáneo e promovido polo Teatro da Didascália. O evento desenvólvese do 25 ao 28 de xullo nas cidades de Braga, Guimarães e Vila Nova de Famalicão. Na súa quinta edición, o Festival integra na súa programación a co-produción de estraeas absolutas.

O evento arrinca o 25 de xullo en Braga coa presentación de Somos [na fotografía], da compañía El Núcleo. Tal e como indica a compañía, en Somos os acróbatas “cuestionan de maneira moi física e directa a relación cos outros: a confianza, a complementariedade e, metaforicamente, a cuestión da coexistencia”. Da man da compañía Radar 360º, Arquétipo-Acto III convida a reflexionar sobre o amor na sociedade actual a través dunha linguaxe artística que se sitúa entre a danza e a acrobacia contemporánea. Despois do seu paso por Braga o 26 de xullo, a peza visitará tamén Guimarães e V.N de Famalicão o 27 e 28 de xullo, respectivamente. De igual xeito, o día 26 de xullo en Braga, a compañía Defracto presenta Flaque: un espectáculo que crea situacións que se poden transgredir, convidando ao público a participar.

No segundo día de festival, V.N. de Famalicão acolle Boat – Transe Poétique, da compañía francesa Hors Surface: un espectáculo que parte dunha interpretación persoal do poema “Le Bateau Ivre”, de Arthur Rimbaud. Boat-Transe Poétique poderá ser vista tamén o día 28 en Guimarães. Por outra parte, a Praça D. Maria II de V.N. Famalicão acollerá a estrea absoluta de Esboço para Paraísos: un traballo desenvolvido de forma colectiva con artistas novos do Instituto Nacional de Artes do Circo que se traduce en “xestos acrobáticos paradisíacos”. Esboço para Paraísos será presentado tamén en Braga o día 28 de xullo.

En Guimarães, a terceira cidade que acolle o festival, o público poderá ver en estrea absoluta Kadok. Partindo do concepto de “casa”, o espectáculo chega a Portugal das mans da compañía Oliveira&Bachtler e nel reúne a unha bailarina, un trapecista e un malabarista para dar a coñecer un universo que remete para as obras de Louis Bourgeois e Tadeusz Kantor. Kadok preséntase en Braga o día 27 de xullo e en V.N. de Famalicão o 28 de xullo. Finalmente, ese mesmo día 28, Guimarães acolle o espectáculo que clausura o evento: Sodade, da compañía Cirque Rouages.

O programa do Festival integra tamén tres espectáculos de compañías con influencias variadas como é o caso de Phasmes da compañía Libertivores (França/Camboia) que “inventa una nova linguaxe acrobática cuestionando o lugar do home na natureza”. Pola súa parte, catro acróbatas e un xogo no que o público tamén pode participar dan forma a Saut, da compañía francesa Le Colletif Bigbinôme. Por último, a proposta Dame du Cirque, da compañía troposfera.xyz centra a súa mirada en temas como o alpinismo e a filosofía que implica a vida na montaña.

 

Actividades paralelas

Coa intención de facer chegar á rexión Norte de Portugal algúns dos principais creadores internacionais, o Festival Internacional Vaudeville Rendez-Vous integra na súa programación unha serie de actividades paralelas. Así, no que respecta ás accións formativas, o INAC será encargado de orientar os tres obradoiros -Acrobacia Aérea, Manipulación de Obxectos e Equilibrio- que pasarán polas tres cidades entre o 26 e o 28 de xullo. Por outra banda, o día 27 de xullo, o Centro Internacional de Artes José de Guimarães (CIAJG), en Guimarães, acolle unha nova edición Showcase: un espazo consolidado para a promoción e a difusión de artistas portugueses e dos seus proxectos. De igual forma, o Festival Internacional Vaudeville Rendez-Vous inclúe entre as súas actividades o debate “O que fazer com esta nova vaga?”. Enfocado a abordar a consolidación dunha nova xeración de artistas e a afirmación do circo contemporáneo no triángulo formado por Braga, V.N. de Famalicão e Guimarães, o debate terá lugar o día 28 a partir das 16.00 horas (local) no GNRation de Braga.

 

Foto: Sylvain Frappat (Somos, de El Núcleo)

Deixar unha resposta