Créase o Premio Laudamuco de Teatro para textos dramáticos

O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas veñen de crear o Premio Laudamuco para Textos Teatrais, coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representa para o teatro en galego e, en xeral, para a nosa cultura. A primeira edición deste premio convocarase para o ano 2019.

Estreada o 16 de maio de 1978, Laudamuco, señor de Ningures, foi a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional. Detrás daquel proxecto estaba Vidal Bolaño e a súa compañía Antroido, que tomaron a decisión de dar un paso que se revelaría decisivo para o conxunto do sistema teatral galego. Os convocantes do Premio Laudamuco renden homenaxe a aquel momento inaugural sen o que non se podería explicar a historia moderna do noso teatro.

Ao premio poderá presentarse calquera autora ou autor en lingua galega con obra dramática inédita e o premio terá unha dotación económica de 7.000 euros, ademais de asegurar a publicación da obra gañadora en Edición Positivas. O xurado será nomeado polo Concello de Brión a proposta da Academia Galega de Teatro.

O Concello de Brión, onde residiu Vidal Bolaño e onde está depositado o seu legado, proxecta unha serie de actividades, en colaboración coa Academia de Teatro, que manteñan viva a memoria dun autor da máxima importancia para o devir do teatro galego.

 

Foto: Unha imaxe da montaxe de Laudamuco, señor de Ningures, por Teatro Antroido, en 1978.

Deixar unha resposta