Libros: novidades

 

Dramaturxia Galega Actual, A Feira Edicións.

Un volume que recolle catro obras: Dramaturxia das Mulheres (Inherente Teatro), Tras Tannhäuser (Ernesto Is), Loló e Mamá (Esther F. Carrodeguas) e A enterradora (Miguel Sande), esta última gañadora do I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual, convocado pola compañía Feira do Leste, que é tamén a responsable desta edición. As obras aquí publicadas, recollen temáticas de sempre e de agora pero contadas dende perspectivas actuais e orixinais. Cabe sinalar a fonda honestidade destas creacións que, sen premeditación no seu compendio para este volume, coinciden en outorgar un papel central ás personaxes femininas.

 

 

Ernesto Is, Despois da ondas, Deputación da Coruña.

Despois da ondas é a obra coa que Ernesto Is gañou o premio Rafael Dieste de textos teatrais de Cultura da Deputación da Coruña. A obra leva de novo á escena a figura da actriz María Casares (A Coruña, 1922), unha das grandes figuras do teatro europeo, exiliada en Francia, nacida na Coruña e protagonista dun texto que mestura realidade e ficción para recuperar a memoria dunha figura histórica que volve ao seu espazo natural: o teatro.

 

 

Manuel Cortés e Xron, a partir de R. M. Del Valle-Inclán. Divinas Palabras Revolution,  Edicións Positivas / Xunta de Galicia.

A versión en galego da obra teatral de Valle-Inclán Divinas Palabras realizada por Manuel Cortés e Xron para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Divinas Palabras Revolution. Traxicomedia de aldea global é obxecto do terceiro número da colección editorial O Papel do Teatro, creada para darlle difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega. Trátase dunha edición de perto de 80 páxinas, con fotografías a cor que reproducen algunhas das escenas da montaxe estreada polo CDG o pasado 12 de abril no Salón Teatro de Santiago baixo a dirección de Xron.

 

 

Roi Vidal Ponte, Poesía, Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Con Poesía, Roi Vidal gañou a duodécima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais. O xurado daquel premio destacou que “é un texto valente, actual, que aborda a sexualidade de forma aberta e sincera, onde os corpos teñen voz e rompen cos estereotipos e roles sexuais asumidos socialmente” e subliñaba “o coidado e adicación á escrita evidenciada no texto, tanto no coidado da linguaxe coma no traballo documental que nutre á obra dun cúmulo de referencias moi atinadas”. Ademais, destacou que Poesía propón unha estrutura en tres partes moi interesante de cara a unha posta en escena polas múltiples opcións que formula empregando citas, accións e palabras.

 

 

Maximino Fernández Queizán, Lembranzas da Arte Escénica, Deputación de Pontevedra.

Un libro no que o actor e dramaturgo Maximino Fernández Queizán fai un percorrido, desde a óptica profesional e persoal, pola historia do teatro en Vigo. Lembranzas da arte escénica está escrito en primeira persoa, a modo de autobiografía profesional, e vai dando conta do nacemento e desenvolvemento de diversos proxectos artísticos, non só da cidade de Vigo, senón tamén a nivel de país e mesmo sobre estadías no estranxeiro, como a de Londres ou a de Amsterdam, cidade na que o autor se instalou no verán do ano 1972. Maximino Fernández Queizán, recoñecido seguidor e experto na obra de Blanco Amor e de Valle Inclán, exerceu a dirección de máis de cincuenta representacións, que acompañando a súa faceta de actor e de editor dan mostra da evolución dun teatro en corenta anos do pasado século e nos comezos do actual que se plasma neste libro.

 

 

Afonso Becerra de Becerreá, Confío-te o meu corpo, Através Editora.

O logocentrismo, ou preponderancia da palabra versus teatro, é un vello debate que afonda as súas raíces nunha recusa do corpo, herdada das relixións, principalmente das monoteístas: recúsase mostrar ou exhibir o corpo en movemento e en relación a outros corpos. Non é gratuíto que, até non hai moito tempo, o teatro fose considerado unha pseudoprofesión de chulos, putas e maricóns, algo que non requiría unha formación específica, seria e con regras. Un libro con vocación divulgadora, que trata de explicar as claves do teatro contemporáneo dende un punto de vista non estritamente académico.

 

 

Comba Campoi. Sen medo ao demo. Resistencia simbólica na Galiza da Posguerra: o teatro de títeres de Barriga Verde, Dr. Alveiros.

O libro está baseado na tese de doutoramento da autora, O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960), e recibiu un accesit do xurado do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Esta obra aspira a rescatar unha expresión da cultura popular galega que emparenta con outras tradicións europeas de títeres. Reconstrúe a xenealoxía do personaxe e da familia de artistas ambulantes que lle deron vida e analiza os mecanismos que converteron un humilde teatro de monifates nun medio a través do cal comunicar as arelas dos sectores subalternos en tempos onde calquera transgresión da orde simbólica dominante era gravemente punida.

 

 

Francisco Javier Núñez Alonso, Da medición de impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Centro Galego de Arte Contemporánea.

Un traballo de investigación sobre o festival galego de curtometraxes. Ao longo do estudo mediuse o impacto do festival nas súas dimensións económica, social e comunicativa e obtivéronse datos que permiten á organización xustificar o investimento público, atraer investimento privado e motivar a asistencia do público. Coa información recollida das persoas participantes establecéronse relacións entre variables demográficas, hábitos de consumo, percepción do festival e gasto, co obxectivo de establecer propostas de mellora que permiten axustar a oferta á demanda, potenciar a comunicación e maximizar a xestión económica. O traballo péchase cun sistema de indicadores, creado ad hoc para o evento, que permite posicionar o produto no mercado cultural e diagnosticar tendencias no modelo de festival apoiando a toma de decisións.

Deixar unha resposta