in

El apartamento

ElApartamento |

Pallasos sentimentais

| Manuel Xestoso |

 

A expresión “contar unha historia” xa non ten o mesmo significado que antes: seguimos precisando de relatos que nos expliquen a realidade, pero agora aprendemos que a realidade é demasiado fuxidía como para atrapala cos medios da narración tradicional. Así que probamos novas estratexias e mesmo ampliamos o campo de acción, de xeito que practicamente todo o que nos arrodea se transforma nunha fonte de argumentos que precisan ser contados. O circo sempre creou personaxes, pero case sempre foi parco á hora de colocalos nunha trama. O que se denomina “novo circo” é, talvez, o circo que comprende a necesidade de crear un contexto, o circo que apela a un enredo no que o espectador se vexa reflectido.

A compañía Cirk about it escolle o cotián para buscar ese anaco de realidade que precisa como trampolín e atopa na vida diaria o relato que transforma o ordinario en marabilla. Erguerse pola mañá, almorzar ou viaxar en ascensor son as accións que lle valen como escusa á compañía para dirixir a nosa atención sobre como se poden cambiar as rutinas e, ao tempo, levarnos cara ao territorio que dominan: o das acrobacias e os equilibrios imposibles. Sen facer moito ruído, os artistas transitan dende o coñecido cara ao improbable, cara a esa circunscrición onde a vitoria sobre a lei da gravidade se transforma nunha demostración metafórica de que podemos superar todos os impeitizos.

Publicidade

En certo sentido, o argumento é un pretexto para exhibir os números, pero a verdadeira teatralidade reside no humor con que se enfronta a súa execución. Hai moito de clown nos personaxes que se dirixen a nós, e mesmo certos toques que apuntan a unha tipoloxía clásica: o cara branca investido de certa dignidade, o augusto que lle serve de contrapunto disparatado e taravelo, o contraugusto das labazadas e os tropezos. Trátase dun humor branco que se vale do conmovedor para reforzar esoutra emoción sinxela provocada polo reto acrobático. Entrambas, colocan El apartamento (coa moi probable chiscadela ao filme de Billy Wilder incluída) nun terreo emocional que vai máis alá do “máis difícil aínda” e logra a adhesión do público que busca algo máis alá do tópico circense.

Así, a compañía consegue investir o circo dunha teatralidade sentimental e risoña sen renunciar ás armas tradicionais do xénero. O espectáculo foi premiado en varios festivais e adivíñase neses recoñecementos a necesidade de vernos reflectidos no escenario, nas historias que nos contan uns pallasos sentimentais que entre golpes e caídas, manteñen intacta a capacidade de voar.

 

El apartamento, de Cirk about it

Dirección: Alfonso Alonso (El Gran Rufus)
Elenco: Laura Barba Ruiz, David Tornadijo Arce e Miguel Molinero García
Escenografía: Marcos García e Paula Carrera
Iluminación: Herminio González
Son: Cirk About It
Vestiario: Chelo Ruiz e Trini Arce

Festiclown. Praza de Galicia, Vilagarcía de Arousa. 10 de agosto de 2018.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ErnestoChao65 |

Textos para Nesto, de Luma Gómez e Eduardo Alonso

Lohengrin |

Rolda Internacional: 13 / 08 /2018