in

Camilo Díaz Baliño na Biblioteca Municipal de Ferrol

DiazBaliñoMariscal |

A exposición sobre a obra de Camilo Díaz Baliño coa que a Biblioteca de Galicia celebrou o pasado xaneiro o Día da Ilustración pódese ver desde o pasado mes de maio e ata o próximo mes de setembro na Biblioteca Municipal de Ferrol.

A exposición está constituída por un total de 54 pezas, entre elas libros, debuxos, documentos persoais, fotografías e manuscritos procedentes do arquivo persoal de Díaz Baliño.

 

Publicidade

O principal escenógrafo galego da época

A partir dos anos vinte, Díaz Baliño pode considerarse xa o principal escenógrafo do país. Un dos seus labores máis representativos neste ámbito é o que realiza para a Coral polifónica de Ruada, da que é, ademais, director artístico. Ademais das escenografías que realiza para esta coral, Díaz Baliño traballa en numerosos proxectos. Entre outras moitas, ambienta e decora obras de Linares Rivas, como Mal año de lobos; de Cotarelo Valledor, como Lubicán e Trebón; de Ramón Fernández Mato e doutros autores, como Julio J. Casal, de quen fai El monte de las ánimas. Realiza tamén a escenografía da obra O Mariscal, de Cabanillas e de Antón Vilar Ponte, e mesmo colabora con Castelao na obra, tamén de Cabanillas, A man de santiña.

 

Pioneiro do deseño

Nado en Ferrol no ano 1889, Camilo Díaz Baliño foi pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño. Estuda na Escola de Artes e Oficios da Coruña. Logo de traballar en Madrid e noutros puntos de España como escenógrafo, traballa co empresario Isaac Fraga, o que o anima a trasladarse a Santiago de Compostela no ano 1920. Salvo períodos concretos como o da súa viaxe a América coa Coral de Ruada, ou a súa estancia en Madrid en 1922, a capital galega converterase no novo fogar de Camilo Díaz Baliño, e alí será onde o sorprenderá o levantamento militar que tan tráxicas consecuencia terá para a súa vida: detido ao comezo da guerra, morreu asasinado na madrugada do 14 de agosto do 1936. O seu cadáver apareceu nunha cuneta na parroquia de Meixide.

Alí exercerá como director artístico do Concello de Santiago, dende 1924 ata a data do seu asasinato. Froito deste labor, realiza varios carteis, especialmente para as festas compostelás, e promove tamén iniciativas artísticas de carácter procesional, como as carrozas que deseña, en fermosos debuxos que aínda se conservan, arredor da gran cabalgata histórico-descritiva de Galicia.

Con Díaz Baliño iníciase unha saga de artistas que aínda está activa. Os seus irmáns Indalecio e Ramiro, escultores, e Lolita, pintora, pero, sobre todo, o seu fillo Isaac Díaz Pardo forman xa, cos seus descendentes, un capítulo esencial da arte galega.

 

Foto: Escenografía de Camilo Díaz Baliño para a representación d´O Mariscal de Cabanillas e Vilar Ponte.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Lohengrin |

Rolda Internacional: 13 / 08 /2018

tropical1 |

Ponteatro incluirá a estrea de ‘Invisibles’, de Redrum Teatro