II Premio Nel Amaro de Teatro Profesional en asturiano ou galego-asturiano

A Consellería de Educación e Cultura do Goberno de Asturias convoca a segunda edición do Premio Nel Amaro de Teatro Profesional en asturiano ou galego-asturiano, dotado con 6.000 euros

Ao premio poden optar obras de compañías profesionais que xa fosen estreadas, tanto orixinais como adaptacións de títulos noutras linguas, que non resultasen finalistas da edición anterior.

O prazo para presentar os proxectos remata o 10 de setembro. A partir desa data, un xurado formado por expertos en teatro e lingua asturiana escollerá as catro propostas finalistas. As compañías seleccionadas representarán as obras no II Festival de Teatro Profesional Nel Amaro, organizado coa colaboración do Concello de Oviedo, a realizarse nos primeiros catro venres de novembro, no Teatro Filarmónica. Tras as actuacións, o xurado decidirá a compañía ou o grupo ganador.

O Goberno de Asturias garantirá a promoción e difusión da obra premiada nos medios e nos eventos organizados polo propio executivo.

O premio e o festival levan o nome de Nel Amaro, autor turonés falecido en 2011 e que a finais da década de 1970 abriu o camiño para a vangarda teatral en Asturiano. Os seus traballos inclúen Xénesis o alborá de la concencia (1978), Glayíos nueos, vieya murnia (1979), L’únicu rebalbu (1980) e Antígona, por exemplu, que gañou o premio de teatro da Academia de la Llingua Asturiana en 1991. Les manes en caxón (2003) foi a súa última publicación teatral.

 

Pódese consultar aquí a convocatoria oficial.

Deixar unha resposta